Inma López Silva: «A cadea é coma o mundo de fóra, pero cunha dor latente que racha con todo»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

M.MORALEJO

En «Aqueles días en que fomos malas» a escritora novela a vida no cárcere de tres reclusas e unha funcionaria

17 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O couto pechado dun cárcere, en concreto, o módulo de mulleres, é o espazo no que se desenvolve a última novela de Inma López Silva (Santiago, 1978). Aqueles días en que eramos malas (Galaxia) ten por protagonistas principais a unha monxa, unha prostituta, unha moza colombiana e unha funcionaria de prisións. Un quinto personaxe, unha escritora chamada Inma, completa esta historia na que López Silva non renuncia aos recursos metaliterarios.

-¿Que lle atraía de situar a súa novela nun cárcere?

-Interesábame tratar fundamentalmente dous temas: a maldade e a liberdade, e a situación no cárcere pareceume idónea como punto de partida desde o que poñer en dúbida a universalidade absoluta deses dous conceptos. Partindo desa idea, derivei en cuestións como a diferenza entre o criminal e a vítima, o vínculo interesado entre o delito e o mal e, sobre todo, na liberdade como única verdade absoluta na vida. O cárcere é o requintado mecanismo que inventou o ser humano non só para castigar aquilo que considera malo, senón tamén para agachar aquilo do que as sociedades se avergoñan, mercadeando para isto con ese prezado ben que é a liberdade. Neste sentido, ademais, xorde a última pata na trípoda inicial da novela: as mulleres, dobremente debilitadas, porque o feito de ser muller implica un crime engadido a outros crimes, e menos liberdade dentro da propia exclusión. De aí que a historia suceda nun módulo de mulleres. Vistos desde o punto de vista feminino, tanto a maldade coma a liberdade adquiren matices éticos que me parecen ineludíbeis e sobre os que me sentía na obriga de escribir. 

-Fóra e dentro da cadea a vida segue. ¿Que supón para os personaxes o que acontece alén dos muros da prisión?

-En todo o proceso da escrita desta novela, a descuberta que máis me marcou foi unha obviedade: o cárcere castiga máis ou menos xustamente a aqueles que comenten un delito, pero aínda castiga máis aos achegados que non cometeron delito ningún. A persoa presa vólvese un ser ausente, e por iso coido que privar a alguén da liberdade é o máis semellante que hai á morte social. É absolutamente degradante, e por iso esta novela tenta reivindicar o dereito á dignidade das persoas presas, ás que sobrexulgamos sempre coma se nós posuísemos a peneira do ben e o mal só por estarmos fóra.

-¿Que traen á novela cada unha das personaxes, tan diferentes entre si?

-Cada unha delas aporta unha óptica para entender como se remata no cárcere. En todas se agacha unha historias real que demostra que a maior parte da poboación dun centro penitenciario, en especial nos módulos de mulleres,é xente produto dunha situación e dun contexto sobre o que case nunca se ten o control. Sor Mercedes, Margot e Valentina poñen a dúbida sobre quen é o criminal e quen é a vítima, mentres que Laura, a funcionaria, amosa que estando do outro lado da reixa non se é tan distinta das presas. 

-Unha quinta personaxe, escritora, chámase Inma. ¿Que buscaba nese xogo metaficcional?

-O xogo da autoficción xurdiu coma unha continuidade a respecto das miñas últimas obras, que oscilaban entre o memorialístico e o ensaístico. Pero neste caso, meterme a «min» permitíame introducir unha reflexión que complementa as que comentaba antes: calquera pode acabar no cárcere. A diferenza entre entrar e non entrar está moitas veces nun erro, nun intre fatídico, nun momento de loucura e, sobre todo, na capacidade para pagar bos avogados. Velaí o meu papel na novela: non ser tanto o trasunto da escritora coma o da lectora que cre que ela nunca sería unha mala de cárcere.

-Nos agradecementos finais cita a persoal e persoas que traballan na prisión. ¿Como foi a relación con ese mundo e cal era, ao cabo, o propósito último desta historia e as súas personaxes?

-É longo de contar, pero, resumindo moito, documenteime grazas á aportación de varias persoas que traballan coma funcionarias de prisións e, sobre todo, grazas á relación epistolar que mantiven durante os últimos anos cun interno do Centro Penitenciario da Lama, onde tiven a sorte de ser convidada nun momento dado. A experiencia de estar alí, ademais, foi determinante non só para poder dar forma a esta novela, senón para explicar moitas cousas da nosa propia condición e comportamento. Todo o mundo debería entrar nun cárcere unha vez na súa vida e comprobar que o mundo alí dentro é coma o de fóra, pero cunha dor latente que racha con todo.