Imagen:

Un posible menhir, antigo marco divisorio de Monforte e Sober

O arqueólogo Xabier Moure encontrou gravados prehistóricos nun monolito situado entre Neiras e Refoxo


monforte / la voz

O chamado Marco da Gándara é coñecido tradicionalmente polos vecinos de Neiras e Refoxo como un sinal divisorio entre os territorios destas dúas parroquias soberinas. En tempos marcou o límite entre os municipios de Monforte -ao que pertencía a parroquia de Neiras- e Sober. Trátase dun bloque de granito de algo máis dun metro de altura que ten gravadas dúas cruces latinas en caras opostas, orientadas respectivamente ao oeste e ao leste. Ten tamén tallados uns signos que parecen unha letra ene invertida e unha erre mal feita. Supostamente, estas marcas indican os nomes de Neiras e Refoxo.

A pedra está catalogada con ben cultural no PXOM de Sober -aprobado no 2009-, onde se sinala a existencia destes dous signos e dunha das cruces. O que non rexistra é a presenza de dúas incisións circulares situadas moi perto das supostas letras. O arqueólogo Xabier Moure, que visitou o lugar hai poucos días, opina que estes círculos son sen dúbida petróglifos do tipo coñecido como coviña ou cazoleta. Ao seu parecer, o Marco da Gándara pode ser un menhir ou pedrafita que foi reutilizado nalgún momento como límite entre as dúas parroquias. Moure apunta que outros monolitos galegos dos que se sabe con certeza que son menhires -como a Lapa de Gargantáns, no municipio pontevedrés de Moraña- tamén están gravados con petróglifos.

O arqueólogo indica por outro lado que durante a súa recente visita un veciño da zona lle contou unha lenda local relacionada con esta pedra e coas cruces que ten gravadas. A historia di que estas cruces pertencen aos sepulcros dunha moza que era sobriña dun conde de Lemos e dun xove pastor que foron enterrados a cada lado do marco.

 

Unha lenda tráxica

Segundo a lenda, o pastor levaba un día o gando ao lugar da Gándara cando socorreu á moza, que acaba de caer do seu cabalo. «A partir de entón víronse con frecuencia e namoráronse -explica Moure-, e o conde de Lemos, tío da moza, conminouna a que abandonase ao pastor». Pero esta negouse e os dous continuaron véndose neste lugar. Ao sabelo, o conde enviou na súa busca a varios soldados que encontraron a parella na Gándara e desembaiñaron as espadas para matar ao mozo. A rapaza púxose diante del para defendelo e resultou tamén ferida de morte. O conde ordenou entón que os enterrasen xunto ao marco -un corpo mirando ao leste e o outro ao oeste- para que non se puidesen ver nin tocar despois de mortos. «Pola lenda, podemos situar a orixe do marco nalgún momento da Idade Media», comenta Moure.

O monolito é mencionado por outra parte no célebre catastro do marqués da Ensenada -realizado no século XVIII-, onde se indica que marcaba o límite entre as dúas parroquias. Os datos deste catastro foron recollidos por unha parte en Refoxo en marzo de 1752 e por outra en Neiras en maio de 1753. Segundo este texto histórico, a primeira parroquia pertencía por entón a Sober e era xurisdicción do conde de Amarante. A de Neiras formaba parte do municipio de Monforte e estaba baixo a xurisdicción do conde de Lemos.

Un conflito de lindes aínda sen resolver

O Marco da Gándara encóntrase xunto a un vello camiño a uns catrocentos metros de distancia dunha estrada local que une a cabeceira da parroquia de Neiras co vial CP-3201, que enlaza Sober e Monforte. «Ao tratarse dun marco de término, esta protexido pola Lei do Patrimonio Cultural», apunta Xabier Moure.

Por outra parte, a parroquia de Neiras é escenario dun litixio entre os concellos de Monforte e Sober, que non se puxeron de acordo en canto aos límites entre ambos municipios nesta zona. A delimitación está en mans do Instituto Geográfico Nacional, que aínda non emitiu unha resolución. Nun encontro que mantiveron hai tempo os técnicos deste organismo con representantes dos dous concellos e con veciños da zona mencionouse a antiga pertenza da parroquia de Neiras a Monforte e o testemuño do catastro de Ensenada. A resolución deste problema de límites -indicouse por entón- é particularmente complexa.

Votación
12 votos
Etiquetas
Sober Monforte de Lemos Patrimonio histórico
Comentarios