«Para encontrar auga hai que fixarse en todo o que rodea a un»

Un veciño da parroquia de Cartelos dedícase a buscar pozos subterráneos para outros sen cobrar polo servizo

.

chantada / la voz 30/05/2017 05:00 h

Natural de Trasar de Carballo, na parroquia de Cartelos -no municipio de Carballedo-, o gandeiro José Manuel González Guerra dedícase desde hai tempo a buscar mananciais subterráneos de acordo cos principios da radiestesia. Segundo afirma, acerta en moitas ocasións e conseguiu encontrar auga tanto para el como para algúns veciños que llo pediron. Faino por afección e nunca cobra por estes servizos.

-¿Como se iniciou nestas práticas?

-Creo que é algo que me atraía xa desde pequeno. Pero comecei a tomar a cousa un pouco máis en serio en torno ao ano 2000, cando montamos a nosa explotación, porque tíñamos problemas de falta de auga para o gando. Nesta zona hai escasez de auga sobre todo desde agosto, cando baixa o nivel freático. Inicieime grazas a un cura que me prestou libros e que me deu unhas pautas para actuar.

-¿Custoulle moito traballo aprender?

-Pois si, foi complicado. Tiven que dedicarlle moitas horas. O máis importante é aprender a fixarse en todo o que o rodea a un. Cando alguén vai por un campo, por exemplo, non se fixa nas formigas e en moitos outros detalles. Eu fíxome moito en todo, nos distintos tipos de vexetación, nas clases de árbores que che poden indicar onde hai auga... E tamén hai que preocuparse por anotar todo o que se fai, sobre todo os erros. Cando cometes un erro tes que saber que foi o que fixeche mal ou que foi o que che despistou.

-¿Como fai para buscar auga usando un péndulo?

-Cando alguén me vén dicir que ten que buscar auga nunha finca, o primeiro que fago é ir ao ordenador, situar ese terreo e baixar o plano. Unha vez impreso, fago cálculos para determinar os puntos onde pode haber auga. Sigo unha orientación determinada tendo en conta o norte magnético. Despois vou co péndulo para localizar eses puntos sobre o terreo. A radiestesia baséase no principio que as correntes de auga que hai debaixo da terra xeran unhas correntes eléctricas, un magnetismo, e iso o que hai que saber detectar. Para traballar co péndulo hai que ter unha sensibilidade e despois hai que aprender, hai que educar o subconsciente.

-¿A que se refire cando fala de subconsciente?

-É algo que temos todos e que case ninguén sabe como funciona. Vai un pouco por libre con respecto ao que nós pensamos normalmente. Para traballar co péndulo hai poñer a mente en branco, ou sexa, non pensar en nada, que non haxa nada que nos moleste e que nos distraia do que que imos facer. Hai que deixar ao subconsciente que traballe só, que detecte as correntes, o magnetismo, e interpretar iso a través do péndulo.

-¿E ten éxito utilizando estes métodos?

-Xeralmente si. O que pasa é que non todos os puntos onde se encontra auga son sempre adecuados para abrir un pozo, porque ás veces poden ser lugares pouco accesibles para meter a maquinaria.

-¿Pode contar algún caso recente no que teña acertado?

-Hai un par de anos estaban facendo unha perforación para buscar auga cerca de onde vivo eu, pero non lles saía suficiente cantidade. Entón eu aconselleilles ao que estaban facendo o traballo que perforasen nun punto concreto onde me pareceu que podía haber máis caudal a uns noventa metros de profundidade. Deixeilles o sitio marcado cunha pedra, pero ao principio non fixeron caso, porque dicían que por aí podía pasar unha tubaxe. En vez diso perforaron a varios metros dese punto, pero tampouco lles deu resultado. Entón puxéronse a perforar no sitio que eu lles dixera e non fixo falta que chegasen aos noventa metros. Cando chegaron aos oitenta pararon, porque dicían que con iso xa tiñan auga suficiente

-¿É capaz de notar a presenza da auga a tanta profundidade?

-Si, con estes métodos normalmente pode saberse a que profundidade está a auga e tamén se hai varios niveis diferentes de auga. O terreo ten capas permeables e capas impermeables e entre elas pode haber auga a distintos niveis. Por exemplo, pode haber un caudal a cincuenta metros de profundidade, despois unha capa impermeable de terreo e máis auga a 75 metros.

 

unha prática discutida

A radiestesia ten sido cualificada moitas veces como unha prática seudocientífica. Os escépticos consideran que a capacidade para localizar mananciais subterráneos que demostran ás veces os que a pratican pode explicarse, non pola detección de cambios no electromagnetismo terrestre, senón por unha habilidade persoal para recoñecer os sitios máis aptos para conter acuíferos baseándose na observación do terreo, da vexetación e outros elementos. En todo caso, a radiestesia é praticada desde hai séculos con diversos instrumentos, como varas de madeira ou de metal e péndulos fabricados con diferentes materiais. Á esquerda, o péndulo metálico que utiliza José Manuel González Guerra nas súas búsquedas de auga

Votación
11 votos
Tags
Comentarios