«A poesía é unha necesidade e unha emerxencia na sociedade actual»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O escritor monfortino dirixe a nova editorial Chan da Pólvora, que forma parte dunha iniciativa cultural de carácter colectivo

15 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor, actor e artista monfortino Antón Lopo está embarcado actualmente nun proxecto cultural que comprende a recente creación dunha editorial denominada Chan da Pólvora. Os tres primeiros libros publicados por esta firma xa están dispoñibles en varias librerías de Monforte, Santiago, A Coruña e Vigo.

-¿A súa editorial está especializada nalgún tipo concreto de obras?

-Dedícase sobre todo á publicación de poesía, pero entendida nun sentido amplo. Considero ademais que a poesía non é algo que se limite estritamente á literatura. O primeiro libro que publicamos titúlase Querido Eduardo e consiste nunha recopilación das cartas que escribiu o dirixente galeguista Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor entre 1931 e 1946. A través destas cartas podemos coñecer novos aspectos da vida dun importante poeta e escritor galego.

-¿E cales son as outras dúas obras que publicou?

-Unha delas é a reedición de Urania, o primeiro libro de Chus Pato, que apareceu por primeira vez hai vinte e cinco anos. Chus Pato fixo cambiar o rumbo da poesía galega moderna e con esta iniciativa conmemoramos o aniversario da súa irrupción no mundo das letras. O outro libro, titulado A oseira, é a primeira obra de Antón Blanco, un xove poeta de Vilagarcía de Arousa que descubriu o mundo da poesía grazas á obra de Lois Pereiro, cando lle dedicaron a este autor o Día das Letras Galegas. A poesía de Antón Blanco, porén, é moi persoal e orixinal e non mostra unha influencia directa de Pereiro.

-¿Que outros libros ten previsto editar a súa firma?

-Un proxecto no que estamos traballando actualmente é unha colección que recuperará obras de escritores das comarcas do sur da provincia de Lugo. Non teñen que ser necesariamente nativos destas terras, pero si teñen con ela unha relación moi importante. O primeiro que esperamos publicar será unha selección de textos de Ánxel Fole, cuxa obra está moi relacionada coas terras de Quiroga e do Incio. Na colección tamén proxectamos editar obras de autores como Novoneyra ou Olga Novo e doutros menos coñecidos, como o poeta monfortino Roberto Martínez Andrade ou como Antón Patiño Regueira.

-¿Non é arriscado dedicarse a publicar poesía nunha época moi pouco propicia para as aventuras editoriais?

-Penso que a poesía é unha necesidade e unha emerxencia nunha sociedade insostible como a nosa e máis concretamente como a sociedade galega actual, que é como un esqueleto devastado. Creo que é posible axudar a reconstruír ese esqueleto a partir do seu ADN, no que a poesía ten un papel moi importante. Este proxecto é unha tentativa para estimular a produción de cultura e tamén a produción de traballo.

-¿Que significado ten o nome da editorial?

-É un topónimo da illa de Ons, onde os que participamos neste proxecto pasamos temporadas con frecuencia. Unha illa é un territorio físico pero tamén un espazo simbólico e unha imaxe poética moi poderosa. Os nomes da maioría das coleccións da editorial serán topónimos da mesma illa. A biblioteca de autores do sur lucense terá por nome un topónimo da zona, que aínda non está decidido.

ANTÓN LOPO

Un proxecto que se divide en cinco seccións, cada unha co seu propio financiamento

A editorial que dirixe Antón Lopo -xunto co deseñador Manuel Martínez, que se ocupa da parte gráfica- será presentada en Monforte o mes próximo, posiblemente durante a Feira do Libro. Pero esta firma é só unha parte dun proxecto colectivo que comprende outras iniciativas.

-¿Canta xente participa neste proxecto?

-Somos cinco persoas, cada unha das cales se ocupa dun aspecto diferente. Cada unha destas actividades -ou unidades, como lles chamamos nós- ten as súas propias fontes de financiamento. Dentro do proxecto figura tamén unha librería especializada en literatura e poesía que abriu hai pouco en Santiago. Ao seu cargo están os poetas Alicia Fernández, que é natural do Saviñao, e Eduard Velasco. No grupo hai ademais un espazo de creación artística que coordina Juan de Nieves -un comisario e técnico de exposicións- e un selo de poesía en acción que se encarga de organizar eventos poéticos.

-¿Foi difícil conseguir financiamento para pór en marcha a editorial?

-Recorremos a unha especie de sistema de micromecenato e contamos co apoio económico dos que nós chamamos subscritores fundacionais. Son cerca dun centenar de persoas e a cambio deste apoio reciben exemplares das primeiras edicións dos libros que publicamos. Tamén establecimos unha alianza cunha editorial de Madrid, chamada Papeles Mínimos, coa que temos previsto publicar dúas coedicións bilingües ao ano. A primeira será unha antoloxía de novos poetas galegos.