A primeira primavera nas microrreservas de flora do Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Durante este ano experimentarase o funcionamento dun tipo de área natural protexida que non ten precedentes en Galicia

06 abr 2016 . Actualizado a las 22:39 h.

A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) sinalizou recentemente con paneis explicativos as catro microrreservas de flora que estableceu a finais do pasado ano en colaboración con dúas comunidades de montes e un propietario particular do municipio de Folgoso do Courel. Este ano, polo tanto, é o primeiro no que se experimentará en Galicia o funcionamento deste tipo de zona natural protexida, moi diferente das que se crearon ata agora na comunidade. Os promotores do proxecto sinalan que os seus principais obxectivos son favorecer a conservación dunhas comunidades vexetais de especial valor biolóxico, fomentar un novo recurso turístico e ao mesmo tempo reforzar as defensas contra os incendios.

Segundo explica Martiño Cabana, coordinador de proxectos da AGCT, estas catro zonas non requiren unhas medidas de protección moi complicadas. «Esta moi ben conservadas, o que non sucede noutros lugares que están máis deteriorados e necesitan operacións de restauración», sinala. O principal problema que presentan é o crecemento da maleza, que pode prexudicar as comunidades de orquídeas silvestres e outras especies vulnerables que constitúen o seu principal valor. Para solucionalo faranse rozas moderadas de forma periódica. A primeira levarase a cabo en xuño ou xullo, dependendo de cando termine este ano o período de floración das orquídeas.

Reemprazar ao gando

Con estas operación preténdese suprir o labor de limpeza que realizaba antes o gando que pastaba nestas zonas. «Non son propiamente prados, pero usábanse tradicionalmente como pastizais e iso servía para controlar o crecemento da maleza», apunta Cabana. «Se nestes terreos se seguise praticando hoxe a gandería tradicional, estes traballos que pensamos facer non serían necesarios», engade. Para realizar as rozas, a AGCT espera poder contar coa axuda da Xunta ou algunha outra administración. En caso de non ser así, recorrerá ao seu propio persoal ou solicitará a axuda de voluntarios.

En canto ao uso das microrreservas como recurso turístico, os promotores do proxecto apuntan que debe ser controlado, sen fomentar unha masificación que sería contraproducente para conservación das plantas que se pretende protexer. Ao seu xuízo, as visitas guiadas para grupos reducidos de persoas como as que organiza o albergue de Quiroga son unha fórmula adecuada para estas zonas. Para difundir os seus atractivos, a AGCT conta co apoio da asociación Fotografía y Biodiversidad, que difundirá no seu portal dixital as imaxes de plantas e animais tomadas nestas zonas por afeccionados e especialistas. Este portal servirá ademais para realizar un inventario amplo e detallado dos valores naturais das microrreservas. Por outro lado, Cabana indica que o control periódico da maleza axudará a que estas áreas sirvan de barreiras contra os incendios. «As microrreservas están fóra das zonas arboradas e se impedimos que se enchan de matogueira poden actuar como cortalumes naturais, especialmente a do monte Cido, que está nun cumio entre dúas vertentes montañosas», comenta.

A creación das microrreservas do Courel ten por outro lado un especial interese para a AGCT por ser o primeiro acordo de custodia do territorio que se establece en Galicia con comunidades de montes, neste caso as de de Visuña e Moreda. «Fixéronse acordos con propietarios particulares, pero non con comunidades, que representan unha parte moi grande da propiedade en Galicia, e esperamos que isto sexa un precedente importante», sinala Cabana a este respecto.

Delimitar outras zonas

A asociación, así mesmo, está a avaliando a posibilidade de crear algunhas outras microrreservas naturais na Serra do Courel, para o que se necesitará establecer acordos cos propietarios comunais ou particulares dos terreos. Para este obxectivo -como xa sucedeu coa delimitación das catro que xa están creadas- contarase coa colaboración de diversos expertos en flora e fauna.

Cinco hectáreas de biodiversidade

As microrreservas de flora do Courel diferéncianse das outras áreas protexidas galegas por non contar por agora con amparo legal, aínda que foron creadas dentro dun proxecto que conta co apoio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Estas catro áreas -denominadas Alto da Pedra, Alto do Couto, Afloramento de Visuña e Monte Cido- cubren en total unha superficie de arredor de cinco hectáreas. Esta extensión limitada concorda cos principios en que se basean as microrreservas, que priorizan as superficies pequenas pero dunha alta calidade ambiental. Nestas zonas viven varias especies raras e escasas de orquídeas silvestres, como a Dactilorhiza cantabrica, outras plantas de especial valor e comunidades de bolboretas.