A primeira festa en moitos anos na aldea abandonada de Hórreos

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CEDIDAS

Os actuais veciños piden voluntarios para arranxar a única fonte do lugar

27 jun 2014 . Actualizado a las 18:56 h.

A primeira festa que se celebra en moitos anos na aldea courelá de Hórreos, que estivo totalmente abandonada durante case catro décadas, terá lugar mañá. Os actuais veciños da localidade organizaron para o sábado un festexo que coincidirá coa rehabilitación da única fonte do lugar, que -segundo indican os convocantes- está «co lousado derruído e o baño con fugas desde o 2011». A primeira parte da chamada Festa da Auga, que se desenvolverá pola mañá, consistirá na reparación da fonte a cargo dun campo de voluntarios no que poden participar todas as persoas que o desexen.

Os organizadores sinalan que a iniciativa surxiu «ante a inhibición do Concello do Courel, a quen se lle solicitou que a amañase en múltiples ocasións». A súa intención tamén é, por outro lado, «divulgar, protexer e recuperar o noso patrimonio histórico e cultural».

Despois do traballo de rehabilitación da fonte haberá un xantar e a continuación comezará o programa festivo, que comprende xogos populares para nenos, un obradoiro infantil de lectura coa escritora Romina Bal e unha función de teatro de títeres da compañía Seisdedos. Por outro lado, o biólogo Xabier Vázquez Pumariño presentará o estudo Guía para o descenso enerxético. O programa inclúe ademais un encontro poético presentado por Uxío Novo -da Fundación Uxío Novoneyra-, no que tomarán parte Vicente Reboleiro, Igor Lugrís, Séchu Sende, Belem de Andrade, Manuel González Prieto, Celso Fernández, Carlos Quintá e o contacontos Celsinho. A festa pecharase cun concerto do grupo Linho do Cuco e unha «foliada popular ata horas indeterminadas».

Nova ocupación

A aldea de Hórreos, que en tempos chegou a ser unha das localidades máis importantes da zona. quedou deshabitada cando o seu último veciño a abandonou en 1970. Durante moito tempo, aínda que foi visitada con frecuencia por excursionistas, ninguén viviu de forma permanente na localidade ata o 2008. Nese momento estableceuse en Hórreos unha familia que se dedica á cría de ovellas e cabras, entre outras actividades. Na actualidade hai outra familia que se prepara para instalarse e varias vivendas foron rehabilitadas por algunhas persoas que as ocupan en certos períodos do ano.