Os promotores do Camiño de Inverno queren entrevistarse con Anxo Lorenzo

monforte / la voz

LEMOS

24 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra solicitará unha entrevista co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, coa finalidade de explicarlle o labor que desenvolveu durante máis dunha década para recuperar e promocionar o Camiño de Inverno e reiterar a súa petición do recoñecemento oficial do itinerario como ruta xacobea. A directiva da asociación considera necesario insistir nesta solicitude, dado que desde hai moito tempo non ten noticias da Xunta a este respecto.

A presidenta da asociación, Aida Menéndez, considera que a reestruturación da antiga Consellería de Cultura e a súa transformación nunha secretaría xeral fai aconsellable unha iniciativa deste tipo, xa que as persoas que están actualmente ao cargo deste organismo xa non son as mesmas que antes. «Pensamos que é conveniente presentar ao secretario xeral de Cultura todo o traballo que levamos feito e insistir nas nosas peticións para que non sexan esquecidas», sinala.

Petición de subvencións

Por outro lado, a asociación, está á espera dunha resposta ás peticións de subvencións que dirixiu recentemente á Deputación. «Pedimos dúas axudas, unha para manter a nosa páxina web, que foi renovada o pasado xaneiro, e outra para editar os folletos e carteis do noso calendario anual de percorridos», explica Menéndez. O colectivo espera conseguir estas subvencións, xa que supoñen contías limitadas, para que lle axuden a seguir desenvolvendo as súas actividades. Polo contrario, de momento non ten moitas esperanzas de lograr o apoio económico necesario para editar unha pequena guía prática da totalidade de ruta, un proxecto que ten pendente desde hai un par de anos. «Tal como está a situación económica, parécenos bastante difícil conseguir unha axuda así a curto prazo», di a presidenta.

Non obstante, a asociación aínda dispón de bastante material impreso para seguir divulgando a existencia desta ruta histórica. «Entre o 2008 e o 2009 conseguimos axudas para publicar moitos folletos e aínda seguimos contando con suficientes publicacións», apunta Aida Menéndez. Naquela ocasión imprimíronse 8.000 folletos en galego e castelán e outros 8.000 en inglés e francés, dos cales aínda quedan moitos por distribuír.

A asociación, por outro lado, está intensificando a súa presenza en Internet coa mencionada páxina web e coa creación dun grupo na rede social Facebook, que está activo desde hai algo máis dun mes.