Vilalba recrea esta fin de semana o seu pasado medieval con actos coma o asedio á fortaleza

C. López LUGO/LA VOZ.

LEMOS

08 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Chea de actividades. Así se presenta a Feira medieval de Vilalba, que ao longo desta fin de semana transportará aos asistentes a unha época na que se levaban a cabo exhibicións de cetrería, na que en cada recuncho se escoitaban as cantigas de cego, e mesmo na que eran habituais as loitas e os axustizamentos.

De todo isto e de moito máis poderán disfrutar todos os que o sábado e o domingo se acheguen á capital chairega. Esta feira terá, como non podía ser doutro xeito, o seu mercado medieval, no que participarán máis de noventa artesáns, cos máis variados e selectos produtos. E non só iso, senón que durante a fin de semana os establecementos hostaleiros que o desexen poderanlles ofrecer aos seus clientes tapas e pratos tipicamente medievais.

Exposicións e demostracións

E para que o recinto histórico no que se celebra a feira conte con todo o característico da Idade Media non faltarán, por exemplo, as demostracións de cesteiros e palilleiras, complementadas cunha exposición na que se recolle todo o proceso ao que se somete o liño. O ambiente de festa completarase con toda unha serie de obradoiros e actividades de animación na rúa para xentes de todas as idades, e por suposto, co conxuro da queimada.

Un carácter máis excepcional terán xa a cacería do xabarín, as exhibicións de loita e de tiro con arco, as recreacións dos xuízos medievais e dos posteriores axustizamentos dos reos, e o asedio ao que os irmandiños someterán á fortaleza de Vilalba.

Desfile do calendario xuliano

Entre as actividades previstas resulta chamativo o desfile do calendario xuliano, no que varias persoas recrearán cada un dos meses deste calendario, vestidas e caracterizadas de acordo coa actividade máis propia de cada mes.

Coincidindo con esta feira estará aberta no auditorio municipal unha exposición de pinturas de Alfredo Erias sobre cabaleiros, reis, raíñas e nobres galegos da Baixa Idade Media. O propio autor guiará unha visita á mostra a partires das cinco e media da tarde do sábado.