A ciencia e os mercados financeiros empezan a calcular o valor económico dos servizos da natureza
04 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda é habitual que ante a desfeita de calquera espazo natural a maioría da xente se encolla de ombros. Ou, como moito, considéreo unha lamentable pero inevitable consecuencia do desenvolvemento. Algo así como iso que nas guerras e nas películas de acción se chama dano colateral. Como sociedade, seguimos tendo a idea de que un bosque, unha braña, unha lagoa, un cabo que se asoma ao mar, a campiña de sempre, un prado ou o val que descende ata unha praia son sitios prescindibles. De que poden ser moi bonitos, pero teñen pouco valor real. Aprendemos moi ben a lección de que case o único valor real é o que se pode converter en euros ou dólares. E nesa forma de pensar incluímos todo o vivo. En consecuencia, cando aparece alguén cun proxecto de investimento que pretende transformar lugares como eses noutra cousa con moito cemento, aceiro, cristal ou tecnoloxía non pomos demasiados reparos.
Esta concepción do mundo, que parece medilo todo (ás veces tamén ás persoas) polo seu valor económico, é xa antiga se pensamos na arte como mercado. Son infinidade, por exemplo, as pinturas que ninguén admira xa pola súa capacidade de emocionarnos ou interrogarnos, senón polo que se chega a pagar por elas. Ata o punto de que algúns de quen as compran nin sequera chegan a velas, pois para eles a súa adquisición é un mero investimento. Pois ben, talvez non estea moi lonxe o momento en que coa biodiversidade comece a suceder o mesmo. De feito, está a empezar a suceder.
Nos países occidentais comézase a permitir ás empresas nocivas para o medio ambiente que, a fin de paliar os seus danos colaterais, compren unha especie de bonos de protección da natureza. Eses bonos consisten a miúdo en títulos de propiedade de espazos naturais ben conservados e inclúen a esixencia de que sigan sendo coidados. Froito diso, comezouse a desatar unha pequena febre de compra-venda de lugares ricos en moitas especies ou que albergan animais ou plantas en perigo de extinción. Neste negocio entraron compañías internacionais tan famosas como Merrill Lynch ou J. P. Morgan Chase. Como resultado, cada vez se elevan máis voces alertando contra o perigo dun exceso de comercialización da natureza.
¿É adecuado que os maiores tesouros da biosfera acaben en mans privadas? Non debemos esquecer que cada un de nós, e toda a humanidade, depende para a súa supervivencia da biosfera, esa fina capa de vida que rodea a este planeta. Ás veces dá a impresión de que todo o que necesitamos é a nosa casa, o noso lugar de estudo ou traballo, supermercados, coches, estradas, electricidade... E esquecémonos de que todo iso, e moito máis, incluída a auga que bebemos e o aire que respiramos, provén da biosfera. ¡Chegamos incluso a esquecer que nós mesmos somos parte da biosfera!
Pero, entón, xa postos, ¿cal é o valor económico da biosfera? Resulta incalculable, está claro... Aínda que seica non o sexa tanto. Hai quen empezou a avalialo peza a peza. E os resultados son moi rechamantes.
¿Valen máis os escaravellos peloteiros ou Cristiano Ronaldo?
Dedícanse ao mesmo: correr detrás dunha pelota. Por suposto, os escaravellos peloteiros son moito máis numerosos que os futbolistas. Se pasas moito tempo vendo a televisión seica che sorprenda, pero así é. O caso é que no 2006 uns entomólogos se puxeron a calcular o valor de diversos grupos de insectos. Un deles foi o destes escaravellos, especializados en recoller anacos de esterco, convertelos en pelotiñas, levarllos consigo e enterralos nalgún sitio xunto aos seus ovos, a modo de niño. O que fixeron eses científicos foi estimar canto custaría pagar por este servizo. É dicir, pola retirada diaria de xigantescas cantidades de esterco animal en todo o planeta.
Aínda que pareza algo sen demasiada importancia, non o é: sen eses insectos, os excrementos dos millóns de cabezas de gando do mundo quedarían sen enterrar. Xa sucedeu unha vez, en Australia. Cando chegaron os primeiros colonos coas súas vacas e ovellas non existían naquela illa escaravellos peloteiros. A porcallada comezou a amontoarse en granxas e cortellos. Tras intentar recollela por eles mesmos, decidiron contratar ao mellor persoal especializado posible que puideron atopar. Si: os escaravellos peloteiros. Importáronos desde Europa e deixaron que fosen eles quen se encargasen de tan sucio asunto.
Tras botar contas, os entomólogos calcularon que o valor total destes animais, xa só por ese servizo, é duns 345 millóns de euros. En canto aos servizos que presta Cristiano Ronaldo, de características ben diferentes, a revista Forbes calculoulles este ano un valor de 72 millóns de euros.
Eses entomólogos fixeron algo máis: alertaron do feito de que o abuso de praguicidas está causando o declive das poboacións destes escaravellos e doutros insectos. Entre eles, os polinizadores: abellas, abellóns, bolboretas... O valor económico mundial destes estimouse en 153.000 millóns de euros. ¿Imaxinas por que?
? Ligazón ao estudo acerca do valor económico dos insectos (en inglés): http://bit.ly/1LUvrBd
? Ligazón ao artigo de Forbes acerca de Cristiano Ronaldo (en inglés): http://onforb.es/1sklO63
? Acerca do valor económico dos polinizadores: http://bit.ly/1Rc0FHI
Algúns números asombrosos
Os informativos da BBC, a televisión e radio pública do Reino Unido, reuniron recentemente algúns cálculos elaborados por diferentes equipos de científicos acerca do valor social e económico de diferentes recursos, especies e espazos naturais. Foron feitos a partir do seu impacto para as economías: alimentación, turismo, etcétera. Os que seguen son só algúns. Moitos deles están en serio risco por mor de múltiples problemas ambientais. A BBC ofrece as súas cifras en dólares. En La Voz de la Escuela pasámolas a euros:
? A auga doce do planeta: 66,59 billóns de euros. Todo depende da auga.
? As árbores do planeta: 14,68 billóns de euros.
? Os arrecifes de coral do planeta: 8,9 billóns de euros.
? Os peixes de todos os mares e océanos: 248.000 millóns de euros.
? As quenllas de todos os mares e océanos: 855 millóns de euros.
? O parque nacional de Yellowstone, en Estados Unidos: 492,5 millóns de euros.
? As aves que viven na cidade de Seattle, tamén en Estados Unidos: 108,7 millóns de euros.
? Unha soa lontra mariña: 5.600 euros.
Recorda que estas cifras fan só referencia a ese tipo de valor social e económico. E que, á parte, existen outros moitos. É algo así como si alguén calculase os servizos económicos que che presta a túa familia: alimento, acubillo, transporte, roupa e calzado, libros, móbil... Seguro que sería moi interesante, ¿verdade? Pero faltarían moitas cousas importantes, esas que non se poden transformar en euros.
Probade a facer este exercicio en clase: buscar cifras parecidas a estas. Por exemplo: o valor total dos bens e servizos que produciu España no 2014 foi de 1.041.160 millóns de euros. E o de Galicia, de 54.658 millóns de euros. En canto ao Camiño de Santiago, os peregrinos que chegaron no 2013 a visitar a catedral deixáronse na capital da nosa comunidade 20 millóns de euros. Por certo, que a propia catedral podería ser obxecto dun cálculo como os anteriores, se tivésemos só en conta o seu valor en termos de propiedade urbana, a súa pedra, as obras de arte que aloxa ou o turismo que atrae. Pero é moito, moitísimo máis, ¿verdade?
? Podes consultar o artigo completo da BBC aquí: http://bbc.in/1jeiRVQ
Cando se compra natureza só para custodiala
Cando quen adquiren espazos naturais para a súa conservación son entidades sen ánimo de lucro, o que ten lugar non é un negocio, senón unha das formas de conservación denominadas custodia do territorio. Así a define unha páxina web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente:
«A custodia do territorio é un conxunto de estratexias e instrumentos que pretenden implicar aos propietarios e usuarios do territorio na conservación e o bo uso dos valores e os recursos naturais, culturais e paisaxísticos. Para conseguilo, promove acordos e mecanismos de colaboración continua entre propietarios, entidades de custodia e outros axentes públicos e privados [...]. As entidades de custodia son organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que participan activamente na conservación do territorio mediante as técnicas de custodia do territorio. Poden actuar de entidade de custodia organizacións tan diversas como unha asociación de veciños, unha organización conservacionista, unha fundación, un concello, un consorcio ou outro tipo de ente público».
É dicir, que calquera grupo de cidadáns pode organizarse para custodiar un espazo natural e preservalo así para os seus fillos e netos. Se queres saber máis acerca de como funciona a custodia do territorio (comprar terreos é só una das súas fórmulas de traballo), visita estas dúas páxinas web:
? Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente : https://77.27.236.150/http/custodia-territorio.es/
? Fundación Biodiversidad: http://bit.ly/1CSpQaO