O rendemento escolar mellora cando hai tempos para xogar e descansar
28 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O recreo é, para a maioría dos nenos, o mellor momento das súas xornadas escolares. Por iso moitos espelen para acabar o traballo cando o profe lles avisa: «Se non acabas a ficha, non saes ao recreo». A maior parte das veces, por sorte, a ameaza non se cumpre (¡o profe tamén necesita unha pausa!), e como moito só se lle rouban uns minutos. Pero sempre hai un ou dous alumnos, máis lentos, máis vagonetas ou talvez con serias dificultades para centrar a súa atención, que se pasan ese tempo de descanso na aula acabando o que non fixeron cando debían. As súas cariñas son un poema... Por non falar de cando se fan castigos colectivos a toda a clase porque a maioría se portou mal (que inxusto para algúns!). Pero está demostrado que como método para corrixir condutas inadecuadas non adoita dar bos resultados.
Os educadores recomendan buscar castigos alternativos a deixar sen recreo por, polo menos, oito razoes:
1. O recreo é un tempo fundamental na xornada escolar dos nenos, tan importante e necesario como as clases de Matemáticas ou de Lingua.
2. É un período de xogo libre e non estruturado esencial para a saúde do neno polos seus beneficios físicos, psicolóxicos, emocionais e sociais.
3. Nese tempo descansan a mente, liberan tensións, canalizan a súa enerxía e cargan pilas para o que lles queda de xornada.
4. É o mellor momento para a interacción social, a participación e a posta en práctica das habilidades sociais, tan importantes para alcanzar o éxito.
5. Xogar con outros nenos, ou simplemente observar como o fan os demais, ofrécelles unha valiosa información para consolidar a súa forma de ser, aprender a predicir o comportamento dos demais e pór en práctica habilidades de resolución de conflitos.
6. Está cientificamente demostrado que o cerebro é capaz de manter a concentración unha media de 45-60 minutos, non máis. Deixar a un neno sen esta pausa só conseguirá que diminúa a súa capacidade de atención e aumenten os seus problemas de conduta.
7. Os nenos aprenden, sobre todo, en movemento. Esixirlles que permanezan sentados durante varias sesións é algo que xa vai en contra da súa natureza. O intre do recreo supón, para a maioría, un balón de osíxeno ao que non poden renunciar.
8. Nun dos sistema educativos máis exitosos do mundo, é o finlandés, teñen descansos de 15 minutos cada 45 de clase (aínda que poden decidir dar dúas sesións seguidas de clase e facer unha pausa de 30 minutos). Así conseguen mellorar o rendemento e o comportamento de todo o alumnado.
Xoga comigo, mamá
Con demasiada frecuencia os adultos recorremos á compra de obxectos para favorecer o xogo dos nenos, esquecendo que perden todo o seu sentido se faltan os elementos básicos: espazos onde xogar, tempo suficiente para facelo, compañeiros cos que interactuar? e pais dispostos a implicarse de cando en vez e a disfrutar como o que máis.
É evidente que para involucrarse nas actividades dos máis pequenos os pais teñen que sacudirse de encima o estrés diario, a preguiza mental e o ríxido corpiño de adulto que limita todo tipo de actuación espontánea. Pero, á marxe dos seus demostrados beneficios a nivel de desenvolvemento, os xogos son unha fonte inesgotable de alegría, pracer e satisfacción. Así que o esforzo, sen dúbida, ben merece a pena.
Maite Garaigordobil, psicóloga e gran experta neste tema, considera que existen sete características que definen unha situación de xogo:
1. Pracer. No xogo a satisfacción ten que estar asegurada. É o pracer de expresar emocións, de imaxinar, de crear ou de destruír, de compartir, de gañar, de facer o prohibido...
2. Liberdade. Xógase porque si, porque apetece, sen imposicións. Se se converte en rutina ou obrigación perde todo o seu sentido.
3. Acción. O xogo é sinónimo de vivencia, implicación, participación e emoción. É a actitude activa de mirar, tocar, descubrir, pensar...
4. Ficción. Moverse entre a realidade e a fantasía, no xogo, é posible. Un neno tímido e medorento pode converterse nun atrevido e valente superheroe.
5. Seriedade. Os nenos, cando constrúen un castelo de area ou visten á boneca, ponse serios. Pon todo o seu empeño para lograr un obxectivo. Así recoñecen os propios límites e adquiren confianza.
6. Esforzo. Se o xogo é demasiado fácil non ten ningunha graza. Para completar un quebracabezas, para facer piruetas co monopatín ou para gañar unha partida de cartas necesítase concentración, perseveranza e paciencia.
¡E que non che deixen gañar, claro!
Escuela de padres
? TEMA DO MES: ¿A que dedican o tempo os nosos fillos?
? ETAPA: Educación obrigatoria.
? A FRASE: «Gustaríame unha escola sen recreo, porque se nas escolas se aprendese xogando, non faría falta que os nenos se desafogasen» (Francesco Tonucci).
? O DATO: O rendemento escolar e o bo comportamento aumentan se se fan descansos cada 45 minutos de clase (investigación publicada na revista «Pediatrics»).
? COMPORTAMENTOS QUE SE DEBEN EVITAR: Pensar que cando xogan perden o tempo.
? ALGUNHAS CLAVES: Respectar o tempo de xogo dos fillos con tanto interese como o seu tempo de estudo.
? PARA SABER MÁIS: «Prohibido deixar sen recreo», Familia e Saúde, Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria: http://goo.gl/kYYQJ1