Exemplificamos na construción dun parque o procedemento para que as Administracións sexan limpas
28 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Os procesos xudiciais contra políticos acusados de corrupción están todos os días nos medios de comunicación. Noticias sobre casos como Gürtel, os ERE de Andalucía, Pokémon, Picachu, Pujol ou a Púnica invaden cada día os espazos informativos. A corrupción parece que nos invade por todas partes, pero ¿como se produce? ¿É tan fácil como para que sexa tan abundante?
A orixe haina que buscar no proceso de contratación das Administracións públicas. A lei prescribe un procedemento, que é obrigatorio seguir, co que procura precisamente evitar a corrupción. Para entender como xurde a corrupción é necesario entender o procedemento que seguen as Administracións pra contratar e ver os seus puntos vulnerables.
Imos fixarnos nos concellos, que son a Administración pública máis próxima aos cidadáns. ¿Como contrata un concello a construción dun parque?
O procedemento administrativo para contratar
1Redacción dun proxecto
Ningún órgano municipal pode acometer un contrato por arte de birlibirloque. Nin sequera o alcalde pode decretar, porque si, a construción dun parque. Para facelo ten que someterse ao procedemento administrativo. Os encargados de desenvolver este procedemento son os funcionarios municipais, e os seus instrumentos formais, os expedientes, que haberán de percorrer un longo camiño.
No caso da construción dun parque, o alcalde pide que lle redacten un proxecto, o primeiro documento do expediente, que especifica as condicións técnicas e o custo das obras. Un arquitecto municipal ou un enxeñeiro redactarano e enviarano ao concelleiro de Obras Públicas, que pedirá a un funcionario que tramite a autorización.
2 Autorización do gasto
O técnico emite un informe no que se probe a conveniencia de executar o proxecto e a existencia de crédito, é dicir, diñeiro adecuado e suficiente para facelo. Para aprobar calquera proxecto é necesario que nos orzamentos xerais que se aproban ao principio do ano sexa consignado diñeiro para facelo. Os orzamentos xerais divídense en partidas destinadas cada unha a un fin, polo que o diñeiro que hai nunha non pode ser destinado a outra cousa. Por exemplo, se hai unha partida destinada á construción de parques, ese diñeiro non pode usarse para construír escolas. O informe debe constatar que existe na partida diñeiro suficiente para pagar o custo fixado no proxecto e que ese diñeiro é adecuado, porque a partida é a apta para realizar a obra.
3 Intervención dá o visto e prace
Para autorizar o proxecto non basta co informe técnico, senón que ademais debe ser referendado por Intervención, un organismo fundamental na engrenaxe municipal que comproba as dúas cousas, que hai diñeiro suficiente e que a partida é a adecuada. Unha vez comprobado, formalízase a contracción do gasto: esa cantidade de diñeiro queda contraída, é dicir, bloqueada, e deixa de estar dispoñible nos orzamentos. No informe ponse o selo e o expediente segue o seu camiño.
4 Obxectivo inicial cumprido
Obtido o visto e prace de Intervención, o expediente vai a que quen ten poder para autorizar a súa execución. Esta autoridade depende, en xeral, da contía do custo. Ata unha determinada cantidade pode bastar un decreto da alcaldía. Para gastos maiores, necesítase o acordo da xunta de goberno e para as cantidades máis importantes é necesario un acordo plenario.
5 Contratación
O seguinte destino do expediente é o departamento de Contratación. O parque está xa autorizado, o diñeiro reservouse e agora hai que buscar quen o faga. O expediente chega ás mans dun técnico que prepara o concurso público.
6 Concurso público
Na Administración non se poden adxudicar as obras ao primeiro que chegue ou a un amigo, por moita confianza que se teña na súa eficacia. Hai que convocar un concurso público ao que poidan concorrer cantos o desexen, para o que se esixe anunciar a obra con publicidade, que todos teñan as mesmas oportunidades, que se apliquen criterios de selección coñecidos e que se fagan públicos os resultados do concurso. O técnico de contratación prepara un prego de condicións, tanto técnicas como administrativas. Tamén envía un anuncio do concurso aos boletíns oficiais das Administracións e aos medios de comunicación locais ou lle dá publicidade a través do taboleiro de anuncios do Concello, depende outra vez da importancia económica da obra.
7 Realización do concurso
Deste xeito, as empresas interesadas coñecen que vai acometerse a execución dun parque e poden acudir á oficina municipal de Contratación para solicitar que se lles entregue unha copia do proxecto a fin de poder preparar a súa oferta. Transcorrido o prazo fixado, procédese á apertura oficial das ofertas presentadas e ao seu estudo. Compáranse entre si segundo os criterios de selección establecidos, entre os que un dos máis importantes é o económico. Este estudo pode facerse mediante un informe técnico emitido por un funcionario especializado ou mediante a reunión dunha comisión técnica, integrada por funcionarios.
8 Obxectivo cumprido
Todo o expediente, engrosado cos informes de adxudicación emitidos, volve á área de toma de decisións para que a adxudicación definitiva sexa sancionada, ben por decreto da alcaldía, ben por acordo de xunta de goberno, ben por acordo plenario. O secretario do concello é o encargado de notificar á empresa adxudicataria que foi a seleccionada para executar o proxecto do novo parque.
9 Execución do parque
Comeza a obra e entra en funcións o seu director técnico. El ten que supervisar as diversas fases de realización do proxecto. Para cobrar a súa execución, a empresa que constrúe o parque deberá ir presentando as facturas correspondentes ás certificacións de obra, que deberán ir asinadas polo director técnico, para garantir que se cumpriu o establecido no proxecto.
Despois só queda inaugurar o parque e disfrutalo.
Actividades
1. Todo o camiño que segue un expediente para ser aprobado e despois executado pódese dramatizar. Organizade unha representación na que distintos alumnos asuman os papeis de expedientes, informes, funcionarios, etcétera e escenificade o longo camiño dos expedientes antes de converterse en realidades tanxibles.
2. Todo este procedemento está establecido así para evitar que se produza a corrupción e para garantir que a Administración contrate sempre a oferta máis vantaxosa. É de crer que na maioría dos casos funciona, pero, polo que se ve, hai casos nos que o procedemento falla. Neses casos a anomalía xeralmente está nos pasos sexto e sétimo. Poden fallar a redacción dos pregos de condicións, ou a publicidade e anuncio do concurso, ou a valoración das propostas presentadas... Para descubrir formas posibles nas que poida axexar a corrupción, organizade un debate, primeiro en grupos pequenos e despois no grupo xeral da clase, sobre os modos que poidan utilizar os corruptos para manipular o procedemento neses dous pasos.