Peña de Noia, celtismo por historia e tradición

As relacións comerciais con Vigo fixeron que o celtismo calase na vila que presume de ter o terceiro colectivo celtista máis antigo

.

Vigo 15/04/2017 05:00 h

Noia é unha vila que presume de celtista. «Totalmente, sen ningunha dúbida», sinala Ramón Vidal. El comezou a presidir a peña de afeccionados do equipo vigvués da localidade no 2004 e é membro da mesma desde hai uns 30 anos -admite entre risas que non se atreve a dar unha cifra exacta porque hai tempo que perdeu a conta-, pero a orixe do colectivo é moi anterior. Fundada en 1969, son a terceira peña máis antiga de cantas forman a familia celtista.

«Isto ten un porqué e son as relacións comerciais con Vigo», profundiza Vidal. Noia estaba moi vencellada no ámbito económico á cidade nun vínculo que foi indo máis aló. «Aquí o comercio facíase todo con Vilagarcía e con Vigo, coa parte sur, entón a base de arrimarnos foise collendo tamén o celtismo. Vén todo de aí. Agora xa é unha cuestión de tradición, algo histórico de aquí, que para moitos foi así case desde que temos recordos», continúa.

.

Actualmente contan con exactamente 214 socios, «¡que non é pouco estando na provincia da Coruña!», valora. Conviven na localidade con deportivistas entre os que se atopa o propio fillo de Ramón, que relata entre risas que estivo moitos anos traballando no mar e cando volveu «xa era tarde». Pero eles van ao seu. «Facemos unha cea de peñistas e máis unha romaría que son os nosos principais eventos para xuntarnos», di. Aparte de ir a Balaídos e procurar organizar polo menos unha viaxe ao ano para un partido a domicilio do equipo.

En tanto tempo de celtismo teñen vivido de todo. A última época de cinco anos en Segunda e tamén outras anteriores. O mesmo que recordan á perfección ao EuroCelta de finais dos 90 e principios da década seguinte e tamén ao de 1971. A súa fidelidade non se viu nunca afectada pola categoría na que militase o equipo. «Nós nas etapas de Segunda viaxabamos exactamente igual. Ata botamos de menos viaxes que xa non podemos facer por estar os equipos rivais noutra categoría», admite.

.

Coa autoridade que lles dá a súa antigüidade como peña, Vidal dá un pequeno tirón de orellas ao clube. «Téñennos un pouco deixados da man de dios aos peñistas de fóra non sendo a Federación, que si que se ocupa e se preocupa sempre de nós», agradece ao mesmo tiempo ao organismo que preside Pepe Méndez. «Xa estamos limitados polos horarios e temos que depositar o mércores anterior o valor das entradas cando hai xente que ata o domingo mesmo non pode saber se vai estar dispoñible para ir. Ás veces, ante a dúbida, xa pagas por se acaso. Póñennolo moi complicado».

Pese ás dificultades, seguen facendo o posible e o imposible por seguir ao pé do cañón. Entre os seus proxectos está agora colaborar coa Peña Muradana Pepa Loba, que organizará a terceira edición da Romaría Celtista que antes promoveron Merlegos Celestes e Siarerios Dezaos o próximo 10 de xuño. «Reunímonos con directivos deles e estaremos encantados e participar e de axudalos en todo o que se poida». Sempre cumprindo cun celtismo, como di o himno, por historia e tradición.

.

Votación
0 votos
Comentarios