Pilar Cancela: «É evidente que unha parte do PSdeG non acatou o resultado das primarias»

Carlos Punzón
carlos punzón VIGO / LA VOZ

GALICIA

Álvaro Ballesteros

A presidenta da xestora do partido socialista de Galicia rexeita dimitir e di estar á espera de que Javier Fernández lle dea cita para fixar a data das primarias e o congreso do PSdeG

19 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Está en posición de espera a que o presidente da xestora estatal do PSOE lle dea vez para abordar o futuro do PSdeG. Pilar Cancela (Stuttgart, 1987) non descarta que Javier Fernández lle pida cambio de caras na dirección provisoria do partido en Galicia para tender pontes cos críticos, que en Madrid son agora os oficiais.

Dimitir non entra nos seus plans, nin polos resultados do 25S nin se o PSOE facilita a investidura de Rajoy. «Se o facemos perderíamos credibilidade e custaríanos moito tempo recuperala», avisa.

-Os peores resultados históricos do PSdeG, reunións secretas de críticos, unha xestora caducada, baróns que piden a súa disolución, carencia de líder... ¿Pode ofrecer menos o PSdeG?

-Dito así, a foto fixa non é nada positiva, non. Os resultados electorais foron malos, dito en cru, pero tampouco é comparable con ningunha outra época política o actual fraccionamento da esquerda. A imaxe de división prexudícanos, estamos nunha situación de dirección provisoria tras unha situación durísima creada a sete meses das eleccións coa dimisión do noso secretario xeral, e as circunstancias non poden ser as mellores. Agora á xestora quédanos un obxectivo que cumprir: a convocatoria das primarias e do congreso do PSdeG, e gustaríanos que foxe o antes posible.

-¿E é capaz de pór unha data?

-Pois non o sei, porque non tivemos a conversa solicitada por escrito co presidente da xestora federal. Descoñecemos cal é a folla de ruta e a planificación temporal que teñen. Estamos á espera e instamos a ter esa xuntanza o máis axiña posible.

-Pois, se depende de Madrid, parece que teñen máis problemas.

-Si. Temos o reto da sesión de investidura, na que, de momento, temos que defender a posición do non a Rajoy ata que o comité federal non decida outra.

-¿Sente presión cando Laxe lle pide que o deixe ou o sector de Caballero que dimita?

-Non me sento presionada en absoluto. Respecto todas as opinións, pero temos que falar con corresponsabilidade entre todos. Hai unha xestora en Galicia que non pode tomar decisións que non lle corresponden, aínda que para outros casos si que lle esixen as máximas responsabilidades. Non fuximos delas. Houbo uns moi malos resultados e para saír canto antes desta situación urxe convocar as primarias e un congreso para elixir nova dirección.

-¿E dimitir?

-Dimitir ou marchar antes de cumprir o cometido para o que me fixeron a encomenda si que non sería responsable.

-No seu entorno responden dicindo que os críticos non axudaron nada na campaña...

-Penso que o que non axuda nada é o ruído permanente, é moi complexo trasladar calquera tipo de proxecto de país cando o que transcende á cidadanía son as discrepancias internas. E é unha evidencia que unha parte do PSdeG non acatou o resultado das primarias, que foi democrático é incuestionable. E xa que se fala tanto de coser no PSOE, o mellor modo de coser é non romper nada, e cando está roto queda a participación democrática, que fale a militancia.

-¿Todo radica nun desacordo pola elaboración das listas?

-O que latexou por baixo foi unha loita polo poder no ámbito estatal e trasladouse a Galicia.

-Na sondaxe publicada o domingo por La Voz, os enquisados ven máis firme un liderado de Caballero que o de Leiceaga. ¿Invitaría ao alcalde a dar o paso?

-Non me atrevo en absoluto a pedirlle a ninguén nin teño capacidade para esixir dar pasos adiante. Por fortuna, neste partido temos compañeiros cunha consistencia política indubidable, como é o caso de Xoaquín, de Caballero, Carmela Silva, Caamaño, Pepe Blanco... todos altamente cualificados política e intelectualmente para asumir o papel que queiran no partido. A grandeza das primarias é que se pode presentar quen entenda que ten ganas e proxecto. Convido a quen teña esas ganas a facelo.

-¿A Leiceaga tamén, a pesar do resultado das autonómicas?

-Non sei o que pensa o compañeiro Leiceaga ao respecto, pero ten unha traxectoria e capacidade importante e non debe darse por amortizado. Poderá facer o que pretenda e a militancia considere.

-Por certo, ¿quen é o líder da oposición no Parlamento?

-Iso nestes momentos aínda está por ver. É incuestionable que agora somos a terceira forza, pero os liderados hai que gañalos.

-¿Vostede optará á secretaría xeral do PSdeG?

-Eu teño bastante co que teño. Presidir a xestora de Galicia e ademais ter a acta de deputada no Congreso pola Coruña ocupa bastante o meu tempo. Pode crer.

-Nese dobre papel, ¿dá explicado a diverxencia de estratexia do PSdeG coas mareas nos concellos de A Coruña, Ferrol e Santiago?

-Depende moito do ámbito local e non son extrapolables ás situacións de cada cidade. As forzas de esquerda temos a obriga de entendernos, senón gobernará sempre o PP. E as novas forzas políticas teñen que entender tamén que non se poden ter formulacións intransixentes. Fáltalles cintura política aínda.

-Falando do PP, ¿vostede non se move do «non é non» a Rajoy?

-A postura que hai do comité federal é a de manter o non á investidura de Rajoy e terá que haber outro comité para marcar a posición do partido. O non é unha postura ideolóxica ante un partido inmerso nun proceso por corrupción ao que resulta difícil facilitarlle o goberno. Hai que ser coherentes co que dixemos.

-Se o PSOE se abstén, ¿vostede o faría e seguiría sendo deputada?

-É unha decisión que non teño tomada dun xeito radical. Creo que non deberiamos absternos, pero eu milito nun partido. Participarei nese debate, manterei alí a miña posición e logo esperarei a ver que sae desa votación.