Desmontando mitos

Delia Guitián TRIBUNA

GALICIA

29 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un suceso violento, máis se remata en morte, é sempre unha nova terrible. A primeira pregunta que nos facemos ao coñecer cada caso é por que, e en ocasións é presentado algún trastorno de saúde mental como explicación, pero trátase dun nivel de análise simple que traslada unha falsa idea vinculando perigosidade con enfermidade mental. En todos os estudos que establecen unha relación entre condutas violentas e enfermidade mental, extráense dúas conclusións. Por unha banda, a poboación psiquiátrica é menos violenta que a poboación xeral, é dicir, son protagonistas de menos agresións respecto ao resto das persoas. Pola outra, con maior frecuencia as persoas con patoloxías do ámbito da saúde mental adoitan ser vítimas e non perpetradores de agresións. De feito, está contrastado que cando se producen condutas agresivas por parte de persoas con enfermidade mental, o máis frecuente é que se inflixa o dano a si mesma. A conduta violenta no contexto da enfermidade mental non é algo que adoite aparecer subitamente; é o punto final dunha escalada nun período de descompensación previa, especialmente se non reciben un tratamento e un seguimento adecuados. A psicose é unha enfermidade na que se produce unha perda da percepción da realidade e cando alguén con esa doenza comete algunha conduta delitiva relacionada coa psicopatoloxía, adoitan consistir en ideas delirantes ou alucinacións, pero vén sendo consecuencia dunha descompensación que implica angustia e sufrimento na persoa que a padece na que esa conduta violenta é o desenlace.

Cun tratamento e un seguimento destas enfermidades, a violencia é evitable. Por iso cómpre non establecer unha correlación entre trastorno mental e violencia ou agresividade. Os episodios psicóticos son puntuais e resultan moi chamativos cando as súas repercusións son dramáticas, pero se existe un bo tratamento e un seguimento, pódense evitar estas condutas violentas. Non debe considerase a persoa con doenza mental como un suxeito perigoso, perpetúa un estigma inxusto e sesgado que propicia a súa discriminación, incrementa o risco de marxinalidade, de ser vítimas de abusos e de exclusión social. A través dos recursos sociais que favorezan a integración das persoas con trastorno mental grave e a súa desestigmatización, xunto cun bo sistema de saúde público no que estea garantida a atención á saúde mental desde a atención primaria á especializada, favoreceremos que este tipo de fatais desenlaces non se produzan á vez que as e os pacientes gocen dos seus dereitos individuais como cidadáns e cidadás.