«É obvio que a medio prazo vai medrar o número de docentes»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Vázquez con dúas copias do decreto de primaria, que debe firmar antes de publicar no DOG.
Vázquez con dúas copias do decreto de primaria, que debe firmar antes de publicar no DOG. Sandra alonso< / span>

Di Vázquez que os grandes cambios da Lomce foron propostos polos socialistas

07 sep 2014 . Actualizado a las 11:55 h.

Jesús Vázquez Abad conselleiro de educacióN

Jesús Vázquez Abad (Núremberg, 1967), enfróntase a un novo inicio de curso, neste caso con anfitrións reais. Asegura que se vai manter a plantilla de profesorado e que o cambio do baremo no concurso de traslados se tomou convencido de que evitaría precisamente o que pasou, a xudicialización do proceso.

-¿Como se presenta o inicio de curso?

-Como todos os anos, tratando de chegar a un engranaxe que non é doado. Neste caso coincide coa implantación dunha lei cunhas leves incidencias. As grandes serán no 2015-16 e sobre todo no 2016-17. En todo caso reitero que se trata dunha lei cun cambio máis a nivel metodolóxico e de esixir certo esforzo ao alumnado que o que respecta aos contidos. Hai un novo decreto de primaria que esperemos resolva certas carencias que vimos observando. Ademais, a Lomce recolle moitos aspectos positivos que tivo a Logse e a LOE, e non é unha lei que cambie substancialmente o sistema educativo. É máis, os grandes cambios da Lomce foron cambios propostos polo Partido Socialista cando aínda estaba no goberno, como por exemplo os itinerarios. Incide en certos aspectos como as avaliacións externas e o esforzo do alumnado, e pretende que o alumnado se centre nas competencia básicas, e con respecto ao número de profesores...

-¿Vai medrar?

-A medio prazo é obvio polo que supón, pero este ano falamos de cifras case idénticas.

-¿En dous tres anos?

-Claro, porque en cuarto de ESO xa se xeran os itinerarios, e dependendo de como evolucione a FP básica evidentemente supón un incremento horario, polo que necesita un aumento de profesorado. E despois esta lei pretende corrixir un déficit en cando ao abandono escolar, polo que confía en volver captar alumnado, e iso implica dar máis oferta, sobre todo en FP.

-¿Haberá oferta pública de emprego no 2015?

-É moi pronto para dicilo, estamos no momento de ir dotando aos centros. Temos que valorar o momento e a oportunidade. Valorarase en decembro cando estean pechadas as plantillas.

-¿Se volvese atrás convocaría o concurso de traslados cos mesmos criterios?

-É que a parte técnica e xurídica segue manifestando que o plantexamento é o lóxico.

-Pero ningunha comunidade nin o ministerio cambiou o criterio.

-Pero é distinto. É unha decisión que non foi política senón baseada en termos técnicos.

-Pode que houbese un erro neses termos.

-Perfecto, e asumímolo, por iso no momento que sae a sentenza a asumimos. Pero ninguén garante que o resultado final sexa o mesmo, porque en Italia ao final o tribunal acabou dando a razón.

-¿Por que non se paralizou?

-Adoptamos unha decisión sustentada en aspectos técnicos e xurídicos, incluso levouse a mesa sectorial e apoiouse. Tomouse esta decisión convencidos de que se estaba a facer o correcto, posteriormente hai unha sentenza onde di que non, e decidimos acatala, pero non podemos impedir que outros recorran.

-A Lomce ampara aos centros que separan por sexo, ¿é unha prioridade para a Xunta manter estes concertos?

-Primeiro hai unha lei que os ampara. ¿Que está pasando en Andalucía? Que tiveron que volver concertar eses colexios. Primeiro, si é certo que o PP cree na liberdade de elección, e esa liberdade está amparada.

-É unha educación lexítima, ¿pero ten que financiarse con fondos públicos?

-Estamos falando de liberdade de elección dunha opción lexítima e recoñecida en todos os países avanzados, e no caso contrario podes meterte nun problema cos parámetros actuais da Lomce. Agora, ¿é certo que o Goberno di si a esa liberdade de elección de centro? Si, dígoo claramente.

-Este ano non se permite aos pais mercar material escolar coa axuda para libros, ¿por que?

-Por unha razón, no momento en que hai un banco de libros -que reclamaba a oposición- so podes financiar material reutilizable, e reconduciuse o modelo tamén por unha petición da Defensora del Pueblo.

-¿Fíxose mal uso das axudas?

-Non, en absoluto. Si que é certo que entre un 30 e 40 % dos fondos se gastaban en material escolar, e se se gasta en material non se pode establecer o modelo de banco de libros. Quen hoxe protesta é quen viña reclamando que se establecera o sistema de préstamo.

-Pero era un modelo de préstamo universal, non só ás rendas baixas ¿este como vai ser?

-Vai ser un modelo destinado a aquelas familias que precisen esa achega económica, evidentemente para poderse dar ese banco de libros, e que nun período de seis anos poidan pasar dunha familia a outra. Despois hai usos e mal usos, sempre que se establece algunha medida hai abusos. Hai abusos no momento en que unha persoa que ten 245.000 euros de ingresos ao ano con dous fillos pide as axudas.

-A RAG criticou o deterioro do galego no ensino.

-Non se corresponde coa realidade, e cando se deron os datos demostrouse que se cumpre o decreto do plurilingüismo. Ao final de cada etapa hai que ter un nivel semellante nas linguas oficiais e iso se corrobora.