«O gran inimigo do Goberno é o Estado das autonomías»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

GALICIA

Besteiro defende as deputacións, pero sen enfrentalas ás comunidades

23 jul 2012 . Actualizado a las 11:39 h.

Desde o ano 2007 preside a Deputación de Lugo, que goberna mediante pacto co Bloque. A José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) débese en gran medida a defensa que o PSOE fai da supervivencia destes organismos provinciais como pezas clave do intermunicipalismo. Pese a iso, rexeita a dirección provincialista á que parecen apuntar algunhas políticas do Goberno, e di que avanzar nesa liña, fronte ao autonomismo, devolverá a España, administrativamente, ao ano 1975. Gómez Besteiro é moi crítico tamén fronte aos intentos de fusionar municipios e avisa de que na maioría dos casos, lonxe de solucionar problemas, creará conflitos; opina que alí onde se pretendan facer deberá haber referendos.

-Fronte á estendida opinión que aposta pola supresión das deputacións, vostede, que preside unha, sostén que estes organismos, reformados, teñen un importante papel que xogar. Hai certa coincidencia coa dirección na que apuntan algunhas políticas do Goberno.

-Ao PP o que lle interesa é o Estado das provincias fronte ao Estado das autonomías. Eu, como galego e presidente da Deputación, síntome defraudado, porque eu creo no meu país, na autonomía, na cultura galega, na poboación galega. Isto que defende o PP supón volver administrativamente á España de antes de 1975. O gran inimigo do Goberno da dereita é o Estado das autonomías, ao que fai responsable de todos os males.

-No seu partido non parece haber unidade de criterio sobre o futuro das deputacións...

- Non había. Pero o partido virou e deixouna matizada no programa electoral de novembro e quedou moi clara no congreso federal, de Sevilla: deputacións si, pero para determinadas cousas, especialmente para atender aos concellos de menos de 20.000 habitantes e centrándose moito na prestación de servizos.

-Unha das acusacións máis sostidas ao longo do tempo ás deputacións é a práctica do clientelismo político...

-Eu non creo que hoxe se poida relacionar a Deputación de Lugo con ese concepto. ¿Por que? Porque fixemos unha Administración máis transparente e ao mesmo tempo máis eficaz e baleirámola de cousas que criamos que eran impropias. Desde o ano 2007 ata agora reducimos os custos de persoal nos nosos orzamentos en 10 millóns de euros, porque demos cumprimento a un proceso de nova estrutura, culminando o proceso de transferencias en materia de sanidade. E había outras competencias que non tiñamos e considerabamos que eran moi importantes para a provincia, como a rede de parques de extinción de incendios. Para 2007-2011 os retos foron afrontar débedas históricas: UNED, parques de bombeiros, pagar o canon, transferencias hospitalarias. Nestes catro anos, novos retos: por exemplo disolver o Inludes e integralo todo, para ter unha organización máis compacta para xestionar a intermunicipalidade.

-Pero ¿de verdade cre que a estas alturas aínda ten sentido este aparato burocrático cargado de persoal?

-A Administración é un ente vivo. Ao mellor hai 20 anos era necesario máis persoal administrativo que hoxe pola propia evolución das tecnoloxías; pero é importante ter unha Administración pública potente. Se a debilitamos, debilitamos o servizo público e non garantimos que chegue a toda a poboación. Os postos poden cambiar, pero a potencia hai que mantela. Na Deputación nestes últimos cinco anos adelgazamos a administración para facela máis eficaz e máis forte. O caso dos hospitais é de libro; era absurdo ter hospitais baixo a tutela da Deputación cando as prestacións sanitarias corresponden á Xunta. Esa redución de persoal case se cifrou en 300 postos, entre amortizacións e transferencias.

-As deputacións non son alleas ao endebedamento do Estado, que tan caro pagan todos os cidadáns. ¿É capaz de asegurar, dende o punto de vista económico, que no caso do de Lugo, este organismo non é unha rémora?

-Nós non nos podemos queixar. Segundo Hacienda somos a sexta deputación de España con menos débeda aos bancos. Fixemos un esforzo importante. Entre o 2008 e o 2011 amortizamos 27 millóns e, neste ano, oito millóns. Os custos fixos máis a débeda condicionan o investimento, é evidente. Tiñamos previsto un crédito de cinco millóns para investimentos e non o imos pedir, porque os remanentes dos dous últimos anos permítennos non ir a ese crédito. Creo que fomos a primeira deputación de Galicia en aprobar un plan económico.

-Nega, xa que logo, que haxa despilfarro...

-Despilfarro non hai. Pode, como en todo, haber decisións máis ou menos acertadas. Nos últimos dous anos, a achega do Estado, principal ingreso das deputacións, caeu entre 20 e 25 millóns. As deputacións reciben o 8,3 % do 13,5 % dos cartos dedicados aos entes locais; somos un problema ben pequeno.

«A crise estase usando para cambiar o modelo económico e de país»

«Non creo que hoxe se poida relacionar esta Deputación co clientelismo»