«Pásoo moi ben escoitando 'La del manojo de rosas'»

Nacho Mirás Fole

GALICIA

Libre de prexuízos, o líder da Unión do Povo Galego di que está descubrindo que moitas zarzuelas son unha especie de parodia dos aspectos máis tópicos da españolidade

06 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Cantar a dúas voces Violetas imperiales nunha cafetería co líder da Unión do Povo Galego é algo que hai que contar. Nas entrañas de Francisco Rodríguez Sánchez (Serantes-Ferrol, 1945) hai vida máis aló do Congreso dos Deputados. -Mire que fala a xente, ¡Ata din que vostede é o xefe invisible do Bloque! -Sempre hai mitificacións de carácter social. No caso galego é máis grave porque non existe, nunha organización tan democrática como o BNG, a posibilidade de que iso estea en mans dunha persoa. Hai unha tendencia a que, se alguén simboliza unha posición nacionalista, convertelo nunha especie de demo. Calquera parecido coa realidade é mera coincidencia. -¿Por que sae cabreado nas fotos? -As fotos están controladas desde o punto de vista mediático, hai unha intencionalidade manifesta que non vou comentar, pero que é obvia. Un pode ser máis ou menos bonito, pero hai actitudes e xestos que se escollen entre centos. -Cando quita a roupa de político ¿a que dedica o tempo libre? -Fago algunha escapada para ver unha película en versión orixinal e algunha vez, moi remota, unha zarzuela ou unha representación teatral, mellor se é un musical. -¿É verdade que ao pasar por diante da súa casa de Ferrol saltaban os pasodobles pola ventá? -¡Nooon, tanto non! Pero é verdade que me gusta certa música, aínda que teña connotacións de españolidade. É curioso, estou descubrindo que moitas zarzuelas teñen anacos que, aparte de moi divertidos, son unha especie de parodia dos aspectos máis tópicos da vida española. Outras son moi agresivas e ideoloxicamente intencionadas, pero eu pásoo moi ben escoitando La del manojo de rosas. Gustoume moito El hombre de La Mancha, con Paloma San Basilio e Pepe Sacristán. Non teño ningún tipo de prexuízo. -¿Tamén a copla, «El tatuaje», «La bien pagá»...? -Aí fago unha certa distinción. Hai cousas que están para min tan connotadas que non é que me amolen, pero non me acaban de entrar. Sonche máis de Luis Mariano, de Gloria Lasso... -¡Canastos! -Tamén me gustaba Marujita Díaz, cousas de Sarita Montiel. Fanme gracia, pero non por burla, tráenme á cabeza grandes cousas, Polichinela, El último cuplé... Todo o mundo sabe que teño unha tendencia á comprensión tremenda do que me parecen a min cousas exóticas en relación con Galiza. -¿E as corridas? De touros, digo... -Iso non, son algo excesivamente usado como símbolo político. -¿Ve posible unha zarzuela cantada en galego? Non sei, adaptar «La del manojo de rosas» como «A da manchea de grelos»... -Todo é posible, pero non é necesario nin conveniente. Sería máis interesante contar cunha canción lixeira en galego, ben feita. -A ver que me di deste «estribillo» pitavareliano e zarzuelero: «Os do non». -Un tópico inxusto. -¿E destes títulos? ¡La Coruña!, repito, «La»-Coruña. -O último que pode ser un é un renegado. -El Ferrol del Caudillo. -Aí mestúrase todo, a marca colonial coa inxustiza histórica. Ferrol existe por si mesmo e, en todo caso, para min sería Ferrol de Carvalho Calero ou de Guerra da Cal. -¿Galicia ou Galiza? -Galiza, por moitos motivos. -¿Don Manuel? -Respeitable. Outra cousa é que ese don indique subordinación, adulación ou caciquismo. -¿E don Xosé Manuel? -O mesmo. Á xente pódeselle respeitar e, incluso, ser críticos con eles, sen poñerlles o don. -Cánteme unha pinturera... -Ou unha galega: «O río cando vai cheo, leva carballos e follas. Tamén podía levare as linguas murmuradoras».