Despois do croissant, séntanos no diván

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

ALEXIS REY

Ursula Heinze escrebe unha crónica reveladora e luminosa

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:20 h.

Ler esta novela da narradora, poeta e tradutora chamada Úrsula Heinze, de tan importante como inxustamente recoñecido currículo literario, resulta a todas luces unha verdadeira regalía e as razóns son varias. E talvez non sexa menor a de robustecer a recuperación para a prosa dunha voz que entendo moi precisa e dona dun pulso propio como xa testemuñou esa recente crónica tan reveladora e luminosa que foi ... E os domingos, un croissant (2015).

Nesta ocasión, abeirada ao xénero novelístico, Heinze tripa os camiños das alteracións psicosomáticas producidas pola depresión e faino mercé á reprodución dos diálogos que manteñen, por un lado, Sally McMahon, unha paciente obstinada, dolorida polo baleiro emocional que sente e refuxiada no relato salvífico dalgunhas experiencias das viaxes que realizara por motivos literarios, e o doutor Arne: un profesional remiso a implicarse dun xeito máis afectivo coa paciente..., todo isto ao longo de vinte sesións terapéuticas espazadas por dous anos. O punto de vista de Sally é o que goberna a proposta a través dun recurso intelixente e rendible literariamente como é o de levantar acta das conversas terapéuticas ao tempo que reproduce con naturalidade todo aquilo que ela pensa e sente, en ocasións con algunhas pingas de sarcasmo. Quen se achegue a este libro, así pois, advertirá como se revelan claves que van alén das esperables solucións farmacolóxicas e que percorren asuntos como a incomunicación, a vellez, a necesidade do agarimo físico e do amor, a sexualidade e a atracción física... asemade verase involucrado nun rodopío, no medio e medio dunha tensión crecente que enguedella a paciente e o doutor nas lameiras da decepción ou frustración e a esperanza, no litixios, debates e polémicas que abalan sempre entre o que significan os sentimentos e a razón en continua dialéctica. Sally afirma que segue escribindo e publicando e que agarda o silencio da crítica. Esa Sally construída cos vimbios da ficción, talvez só nisto, poida que estea errada: Pon un psiquiatra... é unha novela valente, orixinal, intensa e moi ben escrita.