Beatus Qui Legit

34 cartas de amor e de guerra


Constitúen un capítulo esencial e especial da epistolografía galega escrita polos condenados a morte nos anos da Guerra Civil española. O autor destas Cartas de un condenado a muerte, José Mejuto Bernárdez, de Cangas do Morrazo, foi executado en Pontevedra o 26 de xullo de 1937, aos 31 anos de idade. Dono dun pequeno taller mecánico, deixaba muller (Alejandra) e catro fillos pequenos. Cando un dos fillos vai entrar en quintas, a familia decide emigrar, toda, a Buenos Aires. Con eles, na maleta das cousas íntimas, viaxaron as cartas, que Ana Paula Mejuto, neta do fusilado, leu cando tiña dezaoito anos: leunas e chorou durante días.

Anos despois, bateu na capital arxentina coa profesora Olivia Rodríguez, e nese encontro está a raíz da presente edición, feita co decoro debido por Alvarellos. Contén unhas palabras de ouro de Eduardo Galeano (as últimas que publicou?): «La historia de este obrero gallego, culpable de nada, es la historia de España, condenada a cuarenta años de miedo y casi cuarenta años de amnesia». A introdución, de Ana Paula Mejuto, a neta do infortunado autor das cartas, titúlase, axeitadamente, Las palabras tienen la esencia de la luz. É unha introdución conmovedora escrita con pluma de ave. Para o volume de Alvarellos, prologado por min, recolleu importantísima documentación a profesora Olivia Rodríguez.

Hoxe este tesouro epistolar obra no Arquivo da Real Academia Galega, doado por Ana Paula Mejuto en xaneiro do ano pasado, días despois de visitar a illa de San Simón, unha das tres prisións nas que o seu avó escribiu este revelador epistolario. Na visita, percorreu o paseo dos buxos, levando na memoria (no corazón) as cartas nas que o recluso de 1936 describía aquela fermosura da Natureza. Onte presentamos este singular volume en Redondela, coa intención, unha vez máis, de que a Illa de San Simón acolla, canto antes, nun arquivo ad hoc, as páxinas epistolares escritas polos prisioneiros da Guerra Civil.

Nas primeiras cartas, aquel honrado traballador e agarimoso pai de familia escribe aos seus convencido de que axiña sairá da prisión pois nada ruín fixera. Era tan inocente como veraz. Pouco tempo despois, xa condenado a morte, José Mejuto trata de consolar á muller, á nai e á irmá, o único que lle importa, máis que a súa persoal traxedia. Estamos ante unha historia exemplar, formulada nunha prosa excelente, obra dun daqueles obreiros da época da República que lle acariciaban o lombo ás palabras. 

403 Forbidden

Forbidden

You don't have permission to access /votacion/pixel_votos_responsive.php on this server.


Apache/2.2.22 (Debian) Server at www.lavozdegalicia.es Port 80
Etiquetas