«Esta zona é un reduto do galego»

Cristina Abelleira CARBALLO /LA VOZ

FIRMAS

Xosé Ramón Freixeiro, no auditorio do Fórum Carballo, sede do curso de verán da UDC.
Xosé Ramón Freixeiro, no auditorio do Fórum Carballo, sede do curso de verán da UDC. José Manuel Casal< / span>

O filólogo advirte de que o proceso de «castranización» tamén afecta a Carballo

20 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Ramón Freixeiro Mato (Cances-Carballo, 1951) precisaría máis dunha vida para estudar todos os aspectos da lingua nos que lle gustaría afondar. Pero das súas investigacións hai probas de sobra nas librarías, na Universidade da Coruña e mesmo no galego actual, xa que foi un dos participantes na elaboración da normativa vixente. Aínda que dende o pasamento dos seus pais, o ano pasado, visita menos a casa familiar de Cances, esta semana regresou a Carballo para participar no curso de verán Traballando en Lingua, un proxecto que viu nacer e co que se reencontra nove anos despois dende a súa responsabilidade no departamento de normalización lingüística na UDC.

-Na Costa da Morte sempre foi maioritario o uso do galego. ¿Segue a selo agora, nun contexto xeral, como apuntaba na inauguración do curso, de perda de usuarios?

-Continúao a ser, porque toda esta comarca aínda sae, en datos comparativos, moi ben parada. O concello de Carballo tamén dá unhas porcentaxes moi altas de uso da lingua galega. Agora ben, no núcleo urbano xa se detecta tamén como vai decrecendo. Polo tanto, Carballo, aínda dando moi boas porcentaxes de uso do galego, tamén ten que estar atenta a eses factores, porque o proceso de castranización tamén afecta sobre todo ao que é o núcleo urbano.

-Pero xa non hai só un contaxio do español, senón tamén doutras linguas como o galego.

-Hai dous niveis. Por un lado está o español, que, como din os sociolingüistas é a lingua teito do galego. Os castelanismos penetran por todos os lados, a fraseoloxía... O español é a principal fonte de interferencia no galego. E despois a outro nivel xa está o inglés, todo o léxico especializado da informática, da tecnoloxía, mesmo da economía e do mundo da empresa, cada vez penetran máis os anglicismos.

-¿Ata onde iso é bo ou malo?

-Se non se regula pode ser nocivo; se é un proceso controlado pode ter os seus efectos positivos. As linguas tamén teñen que protexerse, de feito xa vemos como en Francia o Parlamento aprobou unha lei para impedir a penetración masiva dos anglicismos. Hai que controlar ese proceso, pero despois todas as linguas inflúen unhas nas outras. Un certo nivel de influenza e de transferencia de léxico é enriquecedor e positivo, agora, sempre e cando estea controlado ese proceso. ¿Cal é o problema do galego? Que os castelanismos penetraron sen xeito, por todos os ámbitos, e iso pon en perigo a propia supervivencia do galego. Do castelán, por exemplo, adoptouse a palabra tortilla, que veu encher un oco que había no galego, pero adoptar a palabra carretera cando en galego temos estrada non ten sentido, e o que vén é deturpar o galego.

-¿Por iso é preciso seguir ?Traballando en lingua??

-Efectivamente. E nesta edición do curso de verán a idea central foi a de estender o uso social da lingua ao conxunto da cidadanía e buscar a implicación de todo o mundo. Ten que ser a sociedade, dende abaixo para arriba, a que se implique na normalización. Se é así vemos que as posibilidades de éxito son grandes. Se é dende arriba para abaixo é máis difícil. O ideal sería combinar as dúas accións.

-¿Un chega a amar a lingua?

-Evidentemente, as linguas ámanse porque forman parte de nós mesmos, do que nós somos, e polo tanto son un obxecto co que temos un especial vínculo afectivo, e especialmente o caso das linguas como o galego, linguas minorizadas, linguas que alguén as nega, que alguén intenta privalas dos seus dereitos, e iso fai que sintas máis esa necesidade de amala e de protexela. En xeral, a xente ama a súa lingua. Pero a xente que se sente máis identificado con ela vese na obriga de protexela porque a ve en perigo. Oxalá non fose así, oxalá o galego estivese en plena normalidade e non tivésemos que preocuparnos por el.

-Historicamente existiu unha estreita conexión entre política e lingua. ¿Que tipo de relación manteñen na actualidade?

-A verdade é que aínda continúa a haber unha relación bastante estreita entre lingua e política. Posiblemente ese sexa un dos problemas que ten o galego, o feito de que socialmente se perciba esa relación entre a defensa da lingua e determinadas opcións políticas, mais, claro, non lle podemos botar a culpa precisamente a esas forzas políticas que son as que máis usan e defenden o galego, habería que botarlla máis ben a aquelas outras políticas que non o defenden. O ideal sería que o galego non fose unha baza política, unha arma utilizada na discusión política, senón que fose algo asumido en xeral por todas as forzas políticas. Porque se á xente se lle transmite a idea de que o galego vai asociado a determinadas ideoloxías parece que xa non é cousa de todos.