O Concello de Fene anima a votar polo mural de Sfhir como o mellor do mundo: «Hai que conseguir a vitoria»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FENE / LA VOZ

FENE

Sfhir, á dereita na grúa, diante do mural creado en Fene xunto co seu colaborador Fernando Heras
Sfhir, á dereita na grúa, diante do mural creado en Fene xunto co seu colaborador Fernando Heras José Pardo

O proceso continúa aberto ata o 31 de xaneiro en Street Art Cities

09 ene 2024 . Actualizado a las 13:01 h.

Para convertir o mural de Sfhir no mellor do mundo, o Concello de Fene anima a participar nas votacións da plataforma Street Art Cities. Realizado durante a primeira edición do Perla Mural Fest, en agosto de 2023, amosa a unha violonchelista na fachada dun gran edificio en Perlío. A votación popular segue aberta ata o 31 de xaneiro en Street Art Cities.

Como recorda o Concello de Fene, a obra candidata «foi realizada polo artista madrileño Sfhir na fachada dun edificio de nove andares situado no número 64 da rúa da Fraga». Baixo a organización do Perla Mural Fest, trátase do mural vertical máis grande da carreira de Sfhir «quen soubo adaptar a forma do inmoble, que conta cun pozo de luz, á idea que quería plasmar». Explica o Concello que «coa noite, cando a veciñanza acende a luz das escaleiras, ilumínanse os trastes do violonchelo, polo que o mural semella cobrar vida».

A selección de Street Art Cities, principal plataforma global de arte urbana, é de 50 obras de todo o mundo. Nunha segunda fase, o público elixirá ao gañador e o Concello anima á votación. Segundo a concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, «estar entre as finalistas xa serviu para poñer a Fene no mapa mundial da arte urbana, e agora cómpre facer un esforzo colectivo por conseguir a vitoria».

Para votar hai que entrar no enlace www.streetartcities.com/awards/2023. E hai que clicar no botón co nome Cast your vote now. «A continuación terase que seleccionar unha obra en cada unha das tres categorías (o mural de Fene compite na primeira), e confirmar o voto por correo electrónico», indica o Concello. O Perla Mural Fest rende homenaxe ao Perla e ao seu legado, como espazo cultural icónico entre os 60 e os 80: onde houbo un cinema e un salón de vodas.