«Jabones Beceiro»

POR SIRO

FERROL

Siro

15 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando Manuel Beceiro Hermida empezou a fabricar xabrón en Ferrol, a producción era tan escasa que o reparto facíao polas casas Filomena, a mandadeira e augadora da rúa de Lugo. Nun piso da rúa de Lugo vivía a familia Beceiro, e no baixo estaba a pequena fábrica. Despois, ao aumentar os pedidos, o reparto pasou a facelo o señor Manuel, veciño da mesma rúa, cun carro do que turraba un cabalo manso, que gardaba no patio.

Beceiro aprendera a facer xabrón en Cuba, na fábrica que dous cataláns, os irmáns Crusellas, abriran na Habana, no ano 1863. Empezaran fabricando xabrón, pero cando el saiu de Moeche e chegou alá, no 1918, xa sacaran ao mercado unha ampla gama de produtos de perfumería, como a loción capilar Ron Quinquina, moi acreditada contra a calvicie e a caspa. Coa gran depresión de 1929 os Crusellas, para evitar a ruína, aliáronse con Colgate-Palmolive, e empezaron a elaborar o shampoo Drell, a crema dental Colgate, e o xabrón Palmolive, entre outros artículos. Todos os cambios e ampliacións os viviu Beceiro dende distintos cargos de responsabilidade no proceso de produción, e cando volveu a Galicia e se instalou en Ferrol, traía na cabeza unha réplica daquela espléndida fábrica que tan ben coñecía. E, a menor escala, conseguiuno.

Non viña so porque na Habana coñecera a Claudia, tamén emigrante, asturiana, coa que casara e tivera tres fillos: Blanca, Manolo e Pepe, cubanos de nacemento. Da rúa de Lugo pasaron á Espartero, e con eles a fábrica. Nunha casa de tres plantas tiñan todo: no baixo facían o xabrón, no primeiro o papeleo, e no segundo estaba a vivenda. Alí naceron Modesta, Julia, Marina e Santiago Machito. Todos os nenos pobres, e non tan pobres, de Ferrol Vello xogaron algunha vez cos xoguetes de Machito, bos e caros, porque o xabrón se vendía ben e os beneficios medraban como a escuma.

Na fábrica da rúa Espartero chegaron a traballar 15 homes, e nun espazo publicitario de Jabones Beceiro no diario ABC, no ano 1947, fálábase do xabrón de baño Chuchú -nome familiar de Blanca, a filla-, e dos productos Gaviota, que ían do xabrón de tocador, á brillantina para o pelo, pasando pola crema e barra de afeitar, a loción contra a caída do cabelo, e a pasta e elixir dentífricos. Cítanse, ademais, varias marcas de augas de colonia.

Pero o xabrón que todos os ferroláns da miña idade recordamos nas nosas casas é o Pucho, que valía para lavar os cacharros da cociña e fregar o piso. Os nenos diciamos: El jabón Pucho lava poco y cheira mucho. Pero non era certo. O eslogan empresarial era: Jabones Beceiro, Rinden más, lavan mejor, que non sei o que tería de verdade.

O que sei é que cantos coñeceron a Manuel Beceiro coinciden en que era unha boísima persoa. Debía de selo porque, cando se viu rico, pagou, ano tras ano, as festas da Parrocheira e fixo no comedor da PYSBE un xantar para cen pobres, servido polas mulleres da familia e outras voluntarias. Ademais, como presidente do Racing, na tempada 1942-1943, perdeu algúns cartos, pero gañou moitos amigos. E sen embargo, o matrimonio Beceiro non tivo sorte: Blanca, a filla maior, morreu aos 31 anos; e Manolo, o maior dos varóns, aos 21. E como Beceiro do único que pecaba era de confiado, cando morreu, en 1967, os herdeiros quedaron sen fábrica, sen casas e sen fincas; que todo pasou a mans alleas.

siro@siroartista.com