A desfeita da EPA

Jaime Cabeza EL DRAMA DEL PARO

ECONOMÍA

26 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Por máis que se queira matar ao mensaxeiro, as súas conclusións bradan o cataclismo no que vive a nosa sociedade. As súas cifras núas expresan a dor dunha poboación feita lumpen por mor dunha crise que está a estragar os proxectos vitais de millóns de persoas. A suba do desemprego, a baixada da taxa de emprego ou o descenso do número de autónomos xúntanse a outros datos ben coñecidos de rebaixa porcentual de cobertura do desemprego en termos de colectivo protexido ou de recorte das partidas presupostarias adicadas a acción social. Todo isto fala de pobreza, de perda de dignidade, de traxedia social.

Mirémoslle en fite aos responsábeis políticos. ¿Que aportaron? Ren. Ou aínda peor: ruindade e incompetencia. ¡Aínda hai que escoitar a algún ministro do Reino de España dicir que a reforma laboral evitou unha maior caída do emprego! Cando a sociedade toda sabe o que foi dita reforma: un traxe a medida das grandes corporacións cuxos intereses defende o Partido Popular. Máis nada.

As modificacións legais na estrutura das relacións laborais non serven en termos de incremento ou rebaixa do índice de emprego. Cunha regulación legal supostamente máis ríxida acadamos un desemprego masculino case conxuntural no 2007 -o feminino é outra cousa-. O que quere dicir que non hai unha relación de causalidade nidia entre abaratamento dos despidos, contratos acausais totalmente abusivos -como é o de apoio a empregadores- ou incremento do poder dominical do empresario dunha banda e mellora dos elementos cuantitativos do mercado de traballo -e non falemos xa dos cualitativos-, da outra.

¿E que se fixo nos últimos tempos no tecido institucional do emprego? Dúas cousas: meter as tesoiras e privatizar todo o privatizable. Por certo, desoíndo os consellos teimosos da Comisión Europea. Debilitáronse os servizos de emprego para afortalar as axencias de colocación con ánimo de lucro e as empresas de traballo temporal. Ás que habería que preguntarlles en que melloraron as cousas. Eu non o vexo por ningures. Como non vexo ningunha medida diferenciada de políticas activas de emprego que encetara nosa Consellería de Traballo. Seica é a miña miopía.

Xa sei que non hai xeito de pedirlles contas, por exemplo, á conselleira de Traballo e Benestar ou á ministra de Emprego e Seguridade Social. Malpoucadas pola época na que lles tocou gobernar. E por pertencer a Gobernos tan miserentos.

«Debilitáronse os servizos de emprego para afortalar as axencias de colocación»