O escritor Ramón Vilar gaña o premio Reimóndez Portela

A ESTRADA

O galardón xornalístico foille concedido por unha serie de tres artigos publicados na edición de Carballo de La Voz de Galicia

17 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O xornalista e escritor Ramón Vilar Landeira, natural de Cerceda, ven de acadar o premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela na súa vixésima edición.

O galardón, concedido pola Fundación de exposicións e congresos da Estrada, recoñece unha serie de tres artigos -A vez que me bicaron nunha cabina electoral, As volutas de fume dos habanos e Aquel lume que lles ardía nos ollos- publicados na sección Fóra de cobertura de La Voz de Galicia, na edición de Carballo. O xurado valorou «a frescura, a fluidez e o estilo narrativo que mantén a atención do lector ó longo dos artigos»

Ramón Vilar foi xornalista e columnista en varios xornais e director da revista Vieiros na súa derradeira etapa. Como escritor, obtivo o premio de poesía Rosalía de Castro de Cornellà e o premio Valle-Inclán de relato curto no 2006 coa obra Arrítmicos eran os corazóns. O ano pasado publicou na editorial Xerais a novela Os televisores estrábicos.

A entrega do premio -dotado con 1.000 euros- será o día 25 ás 19.00 horas no recinto da Feira do Moble, nun acto presentado polo presidente da Real Academia de Ciencias de Galicia, Miguel Ángel Ríos.