Recuperando as follas da historia de Ponte Ledesma

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

A ponte ten máis de dous mil anos de antigüidade.
A ponte ten máis de dous mil anos de antigüidade. miguel souto< / span>

Seis mozos da localidade, que acadaron unha achega de Xuventude, presentarán o día 5 un libro sobre a vella ponte

25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Veciños da parroquia de Ponte Ledesma levan tempo pescudando sobre a historia da ponte que os une coa localidade veciña de Gres. Historia e lembranzas que agora se agochan nas follas dunha publicación; Ponte Ledesma, nove arcos de auga, pedra e historia saída do traballo de seis mozos da parroquia. Alejandra Fernández, Araceli Illobre, Carlos Pérez, Paula Mendoza, Sara Barreiro e Mª Inmaculada Fernández son os autores dun libro que veu a luz grazas a unha subvención da Xunta.

«A asociación de veciños leva tempo preocupándose pola recuperación de toda a historia da ponte e estamos vendo como os nosos maiores se estaban indo, e estabamos perdendo as follas da nosa historia. Iso foi o que nos animou a presentarnos á convocatoria de achegas de Xuventude para transformar o noso proyecto en realidade. Buscabamos publicar un libro coa historia da ponte e aí está», comenta Alejandra Fernández unha das autoras do traballo. O libro, do que se fixo unha tirada de cen exemplares que irán a parar fundamentalmente a bibliotecas e colaboradores, será presentado o 5 de decembro ás 20.00 horas no auditorio Bernardo García del Río en Gres, nun acto aberto ao público e no que tocará a Banda Unión Musical de Ponte Ledesma «á que lle agradecemos a súa colaboración e boa predisposición para con nós», matiza Alejandra.

A piques está pois de poder ollarse un traballo no que se recompilan vivenzas e historia. «Persoalmente para min foi moi gratificante o falar cos veciños e plasmar logo todo aquelo que me ían contando como que a ponte tivo aduana», dixo. Temas tan diversos como as aldeas que se congregan nas inmediacións da milenaria ponte, cuestións relacionadas coa súa arquitectura, historia, a arte e as vivenzas persoais da veciñanza da comarca a comezos e mediados do século XX se reflicten nun libro «que estamos desexando que a xente lea e que nos critique, se ten que facelo». Unha publicación que, dicen os autores, contou coa colaboración dun amplo grupo de colaboradores sen quenes o traballo non chegaría a ver a luz.