Na memoria de Olimpio Arca Caldas (1928-2014)

Juan Andrés Fernández

A ESTRADA

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

No pasado mes de Santos e Defuntos foise de entre nós o querido compañeiro e dilecto amigo Olimpio Arca. Soportou con serena enteireza os embates da enfermidade que o desarbolou e ás portas da morte, pouco antes de exhalar o derradeiro alento, quixo despedirse de todas as persoas que estimaba. Dicía Marco Tulio Cicerón que a vida dos mortos perdura na memoria dos vivos. E así queremos nós lembrar o seu espíritu inquedo, a súa curiosidade intelectual, a súa vocación pedagóxica, o seu verbo cálido e ameno. Mais non remata aí o retrato moral deste home senlleiro; aqueles que o coñecimos e tratamos máis de perto, que con el compartimos longas horas de conversa e de traballo, damos fe do sentido trascendente que impregnaba a súa vida, dos seus silencios xenerosos, da súa devoción pola familia. O cursus honorum de Olimpio Arca é ben coñecido e por iso folga que eu insista nel; igualmente o repertorio da súa fecunda actividade cultural e o seu extenso catálogo bibliográfico, fundamentalmente centrado no estudo desta comarca e a súa capital e pobo de adopción, a vila de A Estrada. Houbo, sen embargo, un xénero ao que foi especialmente proclive, con monografías imprescindibles para o cabal coñecemento do noso pasado e dos seus protagonistas: trátase da biografía. Esta fascinacición pola vida e a obra de algúns insignes estradenses (aí están as achegas biográficas de Serafín Pazo, Waldo Álvarez Ínsua, Manuel Reimóndez, Virxinia Pereira, Ramiro Ciorraga, Nicolás Mato, María Luísa Armadáns e Ramón Verea, por citar só algúns) nace da armónica fusión de dúas das súas conviccións máis acendradas: a profunda fe no xénero humano e a certeza de que a educación e a cultura eran os instrumentos máis eficaces para rescatar as persoas do gregarismo no que se encontran inmersas. Esta anomia gregaria (mantiña o noso amigo) combátese axudando aos seres humanos a recuperar a súa individualidade, a luminosa conciencia de sí mesmos; a liberdade. Por iso nos seus relatos biográficos nos ofrece modelos a imitar, ao modo das ?vidas exemplares? ou das ?figuras universais? que liamos na nosa infancia. E non esquence nunca o noso autor destacar que os méritos, triunfos e conquistas dos seus personaxes lográronse a forza de traballo, dedicación, esperanza no porvir e non poucos contratempos. Nas biografías de Olimpio Arca alenta o espíritu heroico de aqueles que quixeron despegarse do humilde terrón e voar libres, acadar, en fin, a máis atávica das arelas da persoa, o resorte último da aventura humana. Envío desde aquí unha fraternal aperta de consolo á súa familia e a paz para el.