Xestora e normas de uso para o novo Club Hípico Mouriscade

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

O edil de Actividade Agraria volta a reunirse con cabaleiros e representantes do Juan Oliveira para pechar diverxencias

15 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Atrás quedan varios encontros mantidos polos concelleiro de Actividade Agraria de Lalín, Manuel Fernández, cos colectivos de cabaleiros do municipio e responsables do Club Juan Oliveira encamiñados a buscar unha solución ás discrepancias existentes entre uns e outros. Para este venres, ás 17.30 horas, está fixada unha nova reunión no consistorio lalinense na que se «tentará pechar o tema definitivamente». Ao encontro foron convidados os presidentes da Asociación de Cabaleiros de Lalín e de Cabaleiros do Deza, dous representantes do Club Hípico Juan Oliveira e José Antonio Varela «Pincho» quenes se reunirán co edil de Actividade Agraria. «Da reunión deste venres pretendo que quede formada unha xestora que será a que se faga cargo dunhas instalacións que son do Concello de Lalín, e da que poden facer uso todos os lalinenses». Manuel Fernández xa mantivo conversas individualizadas con todas as partes implicadas «e penso que non haberá problemas para pechar a xestora que estará integrada por cinco persoas: José Antonio Varela que ostentará a presidencia, estarán os presidentes das asociacións de cabaleiros e do Juan Oliveira. O que está claro é que ten que funcionar en conxunto».

A entrada en funcionamento da xestora -que terá plenos poderes- suporá tamén establecer un normativa de funcionamento para «todos os que fagan uso das instalacións. Tamén pensamos en pórlle un nome ao club, que levará o de Mouriscade. Buscamos boas relacións, entendemento e que cesen os problemas que se veñen arrastrando dende moito atrás. Hai espazo para todos e nós aportamos todas as facilidades para traballar aos que o queiran facer. Se algún quere marchar, o concello non é quen de decirlle que se quede». Unhas instalacións nas que se prevé levantar unhas paredes onde adestran os nenos.