As Escolas Deportivas de Lourenzá renovaron a súa confianza en Juan Nécega e, polo tanto, o adestrador focense será o encargado de dirixir o proxecto máis ambicioso da entidade. O domingo, a partires das 18.30 horas, arrancará a estrea da escadra sénior feminina na Primeira Nacional de baloncesto, un feito sen precedentes na comarca e polo que o técnico e as súas xogadoras agardan coa máxima ilusión. Un ano máis, o conxunto laurentino forma parte do entramado organizativo do Durán Maquinaria Ensino, de Lugo, da Liga Feminina 2.
-¿Desexaba que comezara xa a liga ou agradecería algo máis de tempo de preparación?
-Gustariame dispor de algo máis de tempo xa que a pretempada non foi todo o boa que quixeramos, pero tamén é verdade que tanto eu coma as xogadoras temos moitas gañas de empezar a competir.
-¿Nótase outro ambiente no vestiario polo salto de categoría?
-Si, vexo ás rapazas un tanto nerviosas porque son conscientes do atractivo que supón xogar na Primeira Nacional, tanto para elas, coma para min e para todo o pobo de Lourenzá.
-¿A plantilla parécese á que vostede quería?
-En principio é unha plantilla moi boa para traballar. A maioría son xogadoras con experiencia cero na categoría, pero novas e cunha gran disposición para mellorar. Xa o demostraron o ano pasado.
-Sara Cuíña foi o único reforzo.
-Tamén acabamos de incorporar a Almudena Puente, unha ala-pívot do Maristas Coruña. As dúas van aportar moito, pero creo que a ilusión é a nosa mellor fichaxe para esta tempada tan ilusionante.
-¿Chegarán máis caras novas ao equipo?
-Temos intención de incorporar a unha xogadora para o xogo interior, que nos fai moita falta. É onde máis coxo está o equipo. Nesta categoría necesitas cando menos unha xogadora específica por posto, os remendos só valen para momentos puntuais.
-¿Cal será a mellor arma do Lourenzá?
-Temos unha liña de perímetro moi interesante, o que nos permitirá acadar un bo nivel en canto á calidade dos ataques e o ritmo de xogo.
-Na estrea encontraranse co peor inimigo posible: o Universidade de Salamanca, vixente campeón
-O actual campión das dúas ou tres últimas edicións. E non só iso, xa que vén de gañar a Copa de Castela León superando a dous equipos da Liga Femenina 2, ao CB Aros de León e, na final, ao Universidade de Valladolid. Será o coco da categoría.
-¿Cal será o teito do Lourenzá?
-Primeiro aspiramos a coñercer a categoría e a poder desenvolvernos ben ela, logo xa iremos vendo a onde podemos chegar.
-¿É optimista?.
-Moito, estou seguro de que iremos de menos a máis e creo que daremos moito que falar en Primeira Nacional.
juan nécega adestrador do ed lourenzá-ensino