Gabriel Bussi, a homenaxe póstuma do compositor namorado de Luz Pozo Garza

Gala Dacosta Diehl

CULTURA

concerto luz pozo garza
concerto luz pozo garza XOAN A. SOLER

O compositor da Sinfónica de Galicia musicou os poemas máis sentidos da poeta

26 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Gabriel Bussi naceu en Montevideo, Uruguai, pero durante toda a vida andou na diáspora: Brasil, Alemaña... e Santiago de Compostela, onde o pasado xoves homenaxeou á poeta Luz Pozo Garza, con quen gardou relación ata o seu falecemento hai dous anos. Acompañado pola mezzosoprano Joana Thomé e polo Quinteto de corda Schubert, dedicou á escritora un concerto de cámara no Edificio Fontán do Gaiás, onde os asistentes puideron disfrutar dunha íntima actuación recordando á poeta. Membros da Real Academia da que foi numeraria, da Universidade de Santiago, de distintos grupos parlamentarios e outros persoeiros asistiron para acompañar á familia da autora galega un 21 de xullo que marca o centenario do seu nacemento.

Bussi, que chegou a Compostela no ano 2002 para traballar na Orquestra Sinfónica de Galicia, afirma estar namorado. Non só adora a cidade que o acolleu, senón tamén a lingua, a cultura, a muller que alí coñeceu —tamén violinista— e a poesía da magnífica Luz Pozo Garza.

«A poeta da luz», «a poeta solar» segue a ser unha das máis estimadas figuras da literatura galega. Cos seus versos cargados de simbolismo e de alusións á música, aos compositores clásicos como Bach, aos sentidos e aos elementos da natureza como a praia e as aves, soubo trazar un ecosistema propio e rico do que continúan a beber moitos amantes da poesía.

Foi o caso do compositor e violinista Gabriel Bussi, que coñeceu á poeta primeiro pola súa obra, e logo de maneira persoal. «Hace 12 años se publicó Memoria solar, y como compositor yo siempre ando buscando la inspiración», explica. Como a ribadense, é un gran admirador da beleza, e os versos do poemario enseguida calaron nel: «Armado con un diccionario, me metí de lleno en su poesía». Pero o uruguaio xa coñecía de antes a autoras clásicas como Rosalía de Castro —a quen Luz tamén escribiu— e quedara sorprendido polo ritmo da lingua galega. Como músico, ademais, a poesía fascinoulle pola súa sonoridade e o seu poder para emocionar.

No Gaiás os asistentes puideron disfrutar de Sol de Medianoche, o concerto en homenaxe á poeta, quen tería cumplido 100 anos o pasado día 21. Non soou Concerto de outono, o primeiro poemario que Bussi versionou de Luz, nin tampouco Memoria Solar, o primeiro que leu dela. O uruguaio escolleu os versos que a poeta dedicou a súa neta, Natalia, quen morreu por mor dunha enfermidade. El sentiuse moi próximo ás palabras de Luz Pozo Garza: coñecéronse nun momento de loito e compartiron dor e emocións, polo que rapidamente fixeron lazos. «Me recibió en su casa como si me hubiera estado esperando», conta, e destaca da poeta, amais do seu talento, a súa xenerosidade e a personalidade que lle valeu os alcumes agarimosos que lle fomos poñendo os galegos e as galegas.

«Me recibió en su casa como si me hubiera estado esperando»

Eles dous non se coñecían de nada, pero é fácil entender por que a empatía e a comprensión chegaron tan rápido. Luz conmovía pola súa dozura e franqueza, tanto nos seus versos como no seu xeito de afrontar a vida. Nos poemas falaba de bicos e de esvásticas solares e no día a día desprendía bondade e carisma.

Dende aquela, o compositor e a poeta iniciaron unha amizade profunda e sentida. O uruguaio lía a súa obra e ela asistía aos seus concertos, e cando a poeta faleceu, na pandemia, non foi posible homenaxeala como era debido. Por iso, cando a Sinfónica de Galicia lle fixo o encargo dun concerto de cámara, Bussi pensou que era a mellor forma de celebrar a Luz: «Así quise volcar sus emociones y también las mías».