Son e imaxes con orixe en Galicia e destino internacional

Nieves rodeiro / s. l. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Un libro elaborado nunha universidade de Nova Zelandia e escrito en inglés fai un percorrido polo audiovisual galego

11 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As culturas visual e musical galegas veñen de converterse por primeira vez en protagonistas dun libro escrito en inglés, con editorial británica e elaborado dende a universidade neocelandesa de Auckland. O seu autor é o catedrático galego José Colmeiro, que regresou a Galicia para presentar onte o seu último traballo, baixo o título Peripheral Visions/Global Sounds: from Galicia to the World.

A investigación levada a cabo polo catedrático céntrase tanto na música popular galega como na produción de cine, vídeo, animación e as correntes que se dan coas novas redes do último século. O percorrido dá comezo nos oitenta, coas expresións culturais que xorden ligadas ao remate do franquismo. A movida galega, o bum da música celta, o primeiro disco de Carlos Núñez ou o Xacobeo son algúns dos fenómenos que se inclúen no libro.

«A cultura galega é unha cultura en movemento, en evolución. Moi ligada ao exilio. O concepto de viaxe está moi presente», destacou Colmeiro. Isto fai que os distintos sons e imaxes sexan presentados no libro como elementos culturais que parten de Galicia pero que tenden a expandirse e relacionarse máis aló das súas fronteiras.

¿Como se ve Galicia dende fóra? «O camiño de Santiago (e o Xacobeo) é a imaxe máis presente, o que vertebra como nos ven dende fóra», resposta o catedrático. «Eu fixen o camiño» ou «eu quero facelo» pasan a ser afirmacións habituais. Aínda que tamén cobran relevancia a música de artistas como Mercedes Peón e Carlos Núñez ou as producións do cinema galego.

Doutra banda, a obra trata as relacións entre o centro e a periferia, prestando especial atención ás presións ás que sempre estivo sometida Galicia pola súa localización. «Buscaba redefinir o concepto de periferia e deixar de relacionalo con algo negativo, secundario. Darlle a volta a isto», incidiu Colmeiro.

A obra é o resultado de dez anos de traballos realizados «na periferia, pero con foco en Galicia. Volver a ela é como pechar un círculo», afirmou o investigador durante a presentación, na que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. «O libro é unha oportunidade tamén de aprender, dende fóra, a vernos dende dentro», dixo García, quen remarcou a importancia deste traballo ao trasladar a cultura galega a un ámbito internacional.

A ampla investigación realizada polo catedrático Colmeiro xa deu lugar no 2013 a un primeiro libro, Galeg@s sen fronteiras, no que se recollen as conversas que el mantivo con distintas figuras da cultura galega.