Imagen:

Callón advirte que o galego perdeu espazos de uso dende o ano 2009

O profesor analiza a situación en «Galegocalantes e galegofalantes»


Santiago / la voz

«As posibilidades de vivir en galego empeoraron, era máis fácil vivir en galego hai nove anos que na actualidade. Iso que nos dicían que hai que ir pouco a pouco, non é así, houbo demasiadas políticas para dificultarnos esta posibilidade». Esta é a conclusión que extrae o profesor e expresidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, no seu libro Galegocalantes e galegofalantes (Xerais), no que repasa a evolución da lingua galega dende o ano 2009, cando o PP retomou o Goberno da Xunta, e ata a actualidade. 

Callón afirma que o galego é a única lingua do Estado español que perdeu falantes. Así, destaca que mentres o catalán e o vasco gañan espazos de uso e conseguen que nova xente pase a ser falante, o galego non. «As causas fundamentais están, ás veces, no desleixo e, outras, nas políticas agresivas por parte das institucións. O PP está a patadas co galego; que se prohiba dar Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en galego, é inconcibible», sostén Carlos Callón, que presentou onte o libro en Santiago acompañado polo director de Edicións Xerais, Manuel Bragado.

Con Galegocalantes e galegofalantes, Callón quere contribuír a activar o debate social en defensa do galego. «O futuro do galego está nas persoas que a día de hoxe non o falan. Hai milleiros de persoas que non o usan no seu día a día, pero que apoian o galego, aman o galego e queren que o galego avance, pero o que pasa é que non teñen espazos de uso para poder manifestalo», engade para anotar que hai máis demanda de galego que oferta. 

Pese a esta perda de espazos de uso e falantes, Carlos Callón lembra que unha cuestión importante «é que o galego segue vivo» e agora atópase nun momento de «encrucillada». En canto ao futuro da lingua galega, veo con preocupación se non hai unha maior activación por parte da sociedade na súa defensa e se as institucións non cumpren co seu cometido. «O perigo que existe é que sexa unha lingua residual, só para momentos folclóricos; pero hai idiomas que estaban en circunstancias peores e lograron revitalizarse», concede o profesor.

Votación
18 votos
Etiquetas
Carlos Callón Normalización lingüística Xunta de Galicia BNG
Comentarios