As Irmandades da Fala, un proxecto «total» para Galicia e a súa cultura

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Justo Beramendi, Carmen Fernández Pérez-Sanjuán e Xosé Luís Axeitos, onte na presentación.
Justo Beramendi, Carmen Fernández Pérez-Sanjuán e Xosé Luís Axeitos, onte na presentación. Paco Rodríguez

Un volume analiza como o colectivo partiu da lingua na procura dun país moderno

01 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As Irmandades da Fala tiñan na lingua a cerna do seu ideario, pero o seu proxecto para o futuro de Galicia partía do idioma para construír un país novo e moderno, polo que desenvolveron a súa acción ideolóxica nun amplo número de eidos. É a «visión totalizadora» á que se refire Carme Fernández Pérez-Sanjulián, coordinadora do volume As Irmandades da Fala, cen anos despois, promovido polo grupo Investigación Lingüística e Literaria Galega da Universidade da Coruña e presentado onte nesta cidade.

O índice xa testemuña esa amplitude da acción das Irmandades: política civil e cultural, ciencia, normalización da lingua, arte, teatro, música, emigración ou masonaría son todos argumentos que conectan co colectivo do que o ano pasado se celebrou o centenario. Ademais da editora, escriben sobre estes aspectos Justo Beramendi, Xosé Luís Axeitos, Emilio Xosé Ínsua, Uxío-Breogán Diéguez, Carlos-Caetano Biscainho-Fernandez, Luís Martínez-Risco, Daviña, Xosé A. Fraga, Ánxela Bugallo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Manuel Sánchez Rei, Xoán López-Viñas, María Pilar García Negro, Olivia Rodríguez González, Laura Tato, Iolanda Ogando, Ramón Rodríguez Palleiro, Carlos L. Bernárdez, Miguel Anxo Seixas e María Victoria Carballo-Calero.

Segundo Fernández Pérez-Sanjulián, a figura de Antón Villar Ponte, así como a do seu irmán Ramón -«de quen se fala menos»-, actúa como catalizadora dunha corrente na que converxen «unha elite formada, reflexiva, e unha insatisfacción máis xeral coa situación política, cunha conciencia de que se pode facer máis por Galiza».

As Irmandades desenvolveron a súa actividade dende a súa fundación e durante o primeiro terzo do século pasado, pero a Guerra Civil fanou os seus proxectos e desvirtuou outros, como poden ser os coros, unha actividade que no franquismo non se correspondía co espírito inicial.

De ser outra a historia, de non existir nin a guerra nin o franquismo, de poder desenvolverse o proxecto das Irmandades, «a realidade do país sería outra moi distinta», afirma Fernández Pérez-Sanjulián. Pero, se non é posible desandar o tempo, si se poden extraer valiosas leccións do ideario e da experiencia do colectivo, ademais de que as súas reivindicacións, advirte a coordinadora do volume, seguen a ter en diversos ámbitos «unha vixencia grande». Aínda que a situación de Galicia e do galego non é a mesma que hai cen anos, a profesora e investigadora cre que apostas das Irmandades como a dun maior autogoberno ou como debe moverse Galicia nun contexto de economía internacionalizada deben mover hoxe á reflexión. Igualmente, a cuestión lingüística: «Debemos preguntarnos se se acadou a plena normalización da lingua na nosa terra». Son argumentos que reforzan a idea de achegarse ás Irmandades non cunha perspectiva arqueolóxica, senón como un episodio histórico que estende a súa influencia ata hoxe.

Ademais do libro presentado onte, mañá na libraría Sisargas da Coruña presentarase ás 20.00 horas o volume Arredor das Irmandades da Fala (Xerais) coordinado por Luís Cochón.