EBA-RAG

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

09 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Esoutro día no camposanto de San Francisco, Ourense, despois do acto que vimos celebrando na memoria de Eduardo Blanco-Amor, desde hai 15 anos, unha rapaza veu onda min para me preguntar polo discurso de ingreso do escritor na Real Academia Galega. Procurárao, sen éxito, na biblioteca da Deputación, que custodia o seu arquivo, os seus libros e obxectos persoais. Tamén fora, seica, á RAG. Díxenlle que nin sequera o tiña Carlos Laíño, leal blancoamoriano, posuidor do fondo bibliográfico máis completo do autor. A moza, abraiada, replicoume asegurando que constaba como «académico» en varias publicacións. Saíndo do cemiterio aclareillo: «Non hai tal, escusas buscalo.» Os tratos de EBA coa Real corporación, como explica Gonzalo Allegue en Diante dun xuíz ausente, e como Eduardo se encargaba de salientar, en conversas e entrevistas, non foron nunca os mellores. Certo que o 14 de abril de 1951, cando era máis ca unha referencia en Buenos Aires, a RAG, a instancias de Vicente Risco, incorporouno como membro correspondente. Il mesmo, amigo de recoñecementos, reclamou, ao seu regreso, o título acreditativo, expedido «a petición do interesado» como consta, asinado por Sebastián Martínez-Risco, a quen detestaba. Enmarcouno, xunto co diploma de vicecónsul da República Española, ambos campaban na sala do seu piso das Lagoas. Regresa, pois, en 1965, pero a pesar das súas chiscadelas e recados, por propios e alleos, o douto instituto asentado na Coruña non fai caso dil ata 1972. Serán, como non, dous ourensás, Otero Pedrayo e Ferro Couselo, depar de Fernández del Riego (o seu máis próximo en Galaxia), os que o propoñen para a cadeira vacante por pasamento de Paulino Pedret Casado. De primeiras cólleo con ansia. Aí están, en múltiples papeliños de todos os tamaños, as notas para o discurso. Corre o tempo, reclámanllo, «máis tardastes vós», dilles. En 1978, a RAG, presidida por García-Sabell, celebra, en Tabernas 11, o acto inaugural da nova sede. Blanco-Amor acude ilusionado. Il, académico electo, vello republicano, vai saudar a Xoán Carlos I e a Sofía. As boas maneiras sempre. Arturo Lezcano e outros vimos como era rexeitado, carecía de convite. Comezada a cerimonia, alguén llo di a Ramón Piñeiro. Érguese e sae buscalo. Entraron xuntos, pero EBA xurou para si non pór máis pé no sitio. Cumpriuno.