O músico viaxeiro que uniu Galicia co resto do mundo a través de acordes

C. Pereiro PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

Fran Pérez, «Narf», faleceu onte tras varios meses de loita contra unha grave doenza

16 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un loito de cor granate, da mesma ca súa Gibson SG que tantas notas soltou ao vento e ás paredes dos locais da súa Galicia imaxinaria, encheu onte a escena musical galega. Francisco Xavier Pérez Vázquez, Narf -Silleda, 1968-, pechaba os ollos tras varios meses de loita contra unha grave enfermidade. Atrás deixa unha carreira honesta, un legado inabarcable e un sorriso perenne, tal coma sempre luciu baixo os focos.

Se no 2016 a música veuse na obriga de chorar a Cohen, Bowie ou Prince, os amantes da música galega saben que Narf ben podería pasar por unha mestura de todos eles, un xenio do instrumento, un alquimista das letras e un camaleónico artista capaz de xuntar beleza e arte coas súas mans cunha complexa e abraiante soltura.

Dende a banda de culto compostelá Psicofónica de Conxo, ata os seus últimos proxectos, teceu un camiño que xirou e zigzagueou por decenas de estilos e xéneros, dende o blues americano ao rock psicodélico, e tintes jazzeiros. Viaxante incansable, as súas influencias non chegaron só da man duns altofalantes, se non dun contacto directo coa música do mundo e as súas xentes. Un eterno percorrido que xerou nel un estilo absolutamente propio á hora de atacar as notas da guitarra e un profundo sentimento por acurtar distancias entre as países de fala portuguesa, e a súa íntima irmandade co idioma galego.

Narf deixa un oco imposible de encher na música galega. Un espazo póstumo do que non quixo falar publicamente, nin anunciar a súa inminente marcha, aínda que os seus seguidores sospeitaban despois de que o músico de Silleda tivera que suspender unha das súas actuacións con Uxía en Ribeira por problemas de saúde. Así, o seu último acorde enriba dun escenario deixouno no Teatro Principal de Santiago de Compostela, durante o Womex, xunto coa súa banda de Zemambiquo -anagrama de Mozambique- Timbila Muzimba. Un concerto para a historia, do que a súa amiga Uxía quixo deixar constancia nas páxinas deste xornal cunha crónica do seu puño e letra.

«Mais hai algo en ti, algo en min, algo en nós que me di, que te vou recoñecer, no momento de verte», cantoulle aos que deron coa súa música. E atopárono, dentro deles, no fondo da alma.

Narf en tres discos

«Nas tardes escuras». Doce cancións arredor de Rosalía, transportada ás sonoridades do rock contemporáneo.

«Tótem». Inclúe Santiago, o tema co que foi segundo no festival musical de linguas minorizadas de Europa en Suecia.

«Aló irmao!». Emparellamento sonoro entre dous guitarristas e dúas culturas atlánticas que se enriquecen mutuamente.