La Voz reedita «Queixumes dos Pinos» no seu 130.º aniversario

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

AVRILLON

O facsímil da obra de Pondal sairá á venda co xornal o sábado

06 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro sábado farase o 130.º aniversario da publicación dunha das obras máis importantes da literatura galega, Queixumes dos Pinos, de Eduardo María González-Pondal e Abente, o autor do Himno de Galicia. O 12 de novembro de 1886 a Biblioteca Gallega, de Juan Fernández Latorre (fundador de La Voz de Galicia) e Andrés Martínez de Salazar, editaba o poemario do bardo de Ponteceso.

Con motivo da efeméride, o xornal ofreceralle de novo aos seus lectores unha xoia exclusiva, o facsímil do poemario coas mesmas 21 composicións que aparecían naquela primeira publicación. Será o mesmo sábado, acompañado do exemplar de La Voz e polo prezo de 1,95 euros. Unha iniciativa na que tamén colabora a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso e que conta co patrocinio de Gadis.

Este documento literario ten unha grande importancia para o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen lembra que a publicación de Queixumes dos Pinos en novembro de 1886 representou «dar a coñecer a Eduardo Pondal como gran poeta». Ata ese momento era valorado polos seus poemas illados. Di que o público e os poucos lectores en galego que había daquela atopáronse «cunha voz do principio dos tempos, unha voz poética, unha voz orixinal...». Asemade, Alonso Montero lembra que Pondal «é o autor do Himno de Galicia, da Galicia do pasado, do presente e do futuro».

Así que para o presidente da Real Academia, «a publicación deste libro é un acontecemento que en Galicia debería ser recibido con gaita e tamboril».

Manuel Ferreiro, profesor da Universidade da Coruña e especialista no poeta de Ponteceso, sinala que a reedición da obra no seu 130.º aniversario constitúe un feito de gran simbolismo que «é de agradecer». Apunta, neste senso, que o 2016 «é un ano transcendental para os galegos, dado que celebramos os cen anos das Irmandades da Fala». O feito de celebrar o día 12 coa publicación «dese libro absolutamente fundamental, ten unha carga simbólica importante que nos permitirá recuperar a memoria».

Dende outro punto de vista, para Ferreiro a publicación de Queixumes dos Pinos en 1886 chegou tralas outras dúas obras fundamentais do seu tempo, Follas Novas, de Rosalía de Castro, e Aires da Miña Terra, de Manuel Curros Enríquez. Son, segundo explica, «tres grandes escritores e tres grandes obras, piares do Rexurdimento, a partir dos cales se comezou a reconstruír o edificio da literatura galega renacente».

En Queixumes dos Pinos, Eduardo Pondal séntese poeta, bardo e sementador das raíces étnicas do pobo galego. Resalta a vontade de ser poeta en galego e de dotar ás letras galegas dun valor literario de alto valor. Para Ferreiro, trátase dun libro que debe ser interpretado como unha chamada «aos galegos para que tomen conciencia de si mesmos».

O xerente da Fundación Pondal, José María Varela, entende que «é un gran logro permitirlle aos galegos e galegas gozar desta reedición para o coñecemento da grande obra do bardo pontecesán e un bo preámbulo para a celebración do centenario da morte do autor, o ano que vén».