Emilio Fonseca gaña o premio Castelao cun cómic sobre a Venecia do século XV

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O xurado destacou o seu «guión rico, ben documentado e estruturado, un debuxo eficaz con moi bos recursos expresivos»

13 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Fóra de mapa é o título da obra coa que Emilio Fonseca Martín (Ourense, 1978) gañou onte o premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña. O seu traballo foi proclamado vencedor nunha decisión unánime do xurado, que destacou o seu «guión rico, ben documentado e estruturado, un debuxo eficaz con moi bos recursos expresivos e bo tratamento da imaxe que provoca unha lectura fluída e engaiolante».

Fonseca definiu onte Fóra de mapa como «un thriller coral con moitos personaxes que trata de explicar como era a Venecia do século XV». Este escenario permítelle ao autor abordar cuestións presentes na cidade naquel tempo, entre as que cita as descubertas, os inicios do escravismo, o Renacemento ou a imprenta, «cando se estaban cimentando moitas das bases do capitalismo global». Deste xeito, Fonseca documentouse polo miúdo e, aínda que hai referencias a personaxes históricos, o autor preferiu centrarse en «intentar imaxinar como eran as historias de personaxes máis normais, con xente de diversas clases sociais e orixes, e non facer o típico relato de reis e papas».

Fonseca retrata unha Venecia como «unha cidade moi importante na súa época», pero que vive unha transición do poderío das rutas das especiais cara ao comercio atlántico. A ela chegaba xente de moitas partes do mundo: curiosamente, o autor escribiu o guión durante unha estadía en Nova York.

Fonseca é autor doutro cómic, Verde invisible, sobre o Gran Chaco, no marco dun proxecto de cooperación española Chaco Ra’anga, ademais dun documental sobre os incendios forestais en Galicia, Queimar o monte. Dentro deste eido da imaxe, Fonseca desenvolve as súas ideas «intentando atopar os recursos máis acordes» para cada un: Queimar o monte foi un documental para chegar a máis xente.

O xurado do Castelao elixiu como finalista a obra Terra incógnita, presentada baixo o lema MAD+DOG, e destacou idoneidade para o público infantil e xuvenil de Curuxa. A voz de Azazel.