Carlos Casares protagonizará o Día das Letras Galegas de 2017

Cláudia Morán A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

V Televisión

A Academia destada a súa «calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra», así como «un compromiso inequívoco coa lingua galega»

10 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) será o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2017, segundo a decisión tomada onte en sesión plenaria pola Real Academia Galega (RAG). Casares impúxose coa maioría dos votos por diante dos candidatos Plácido Castro, Antonio Fernández Morales e Ricardo Carballo Calero. A súa candidatura fora impulsada polos académicos Luz Pozo Garza, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Francisco Díaz-Fierros, Salvador García-Bodaño, Ramón Villares e Víctor Freixanes.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, describiu a Carlos Casares coma «un grande da literatura hispánica do século XX» e subliñou que «no caso dunha literatura e unha lingua tan problemática coma a nosa, contar cun escritor, este ano, como Manuel María, e o que vén, como Casares, que son capaces de chegar mesmo a 'mares nunca dantes navegados' -como dicía Luís de Camões-, era moi importante».

O académico Víctor Freixanes, pola súa banda, salientou a capacidade do escritor ourensán «de atopar lectoras e lectores novos», xa que afirmou que a institución «quere incidir na dinamización dos sectores máis novos da sociedade», pero tamén fixo mención á súa «obra consolidada dentro e fóra do país e á súa dimensión na literatura para adultos».

No pleno, que durou unha hora e media, estiveron presentes 23 académicos, aos que se sumou o voto delegado do escritor Manuel Rivas. O secretario da institución, Henrique Monteagudo, explicou que Carlos Casares «obtivo unha maioría absoluta de apoios na primeira volta, polo que non fixo falla repetir a votación».

No momento de anunciar o nome de Casares como protagonista do Día das Letras Galegas do próximo ano, Alonso Montero referiuse tamén ao resto de candidatos. «Creo que non hai académico que non leve no seu corazón unha pequena mágoa por non poder elixir aos catro escritores», sinalou.

O presidente da RAG afirmou que «non se trata de saber quen é o máis importante», e destacou a Castro «polo traballo que fixo no ámbito da tradución», a Fernández Morales «polo dialecto berciano, que non é menos galego que o mindoniense ou o vigués», e a Carballo Calero pola súa «figura intelectual, amplamente respectada».

Carlos Casares foi unha das figuras máis renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX.

Comprometido co seu tempo

Carlos Casares foi unha das figuras máis renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX.

Cargos

Académico, deputado e catedrático. Membro da Real Academia Galega (1977). Deputado no primeiro Parlamento Galego co PSdeG-PSOE (1981). Director da editorial Galaxia (1985) e a revista Grial. Presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002). Catedrático de Literatura nun instituto en Cangas e presidente do Pen Club de Galicia (1996-1999). Colaborador en La Voz de Galicia coa sección A ledicia de ler (1975) e coa columna diaria Á marxe (1992). 

Participación política

Galeguista na transición. Foi un dos asinantes do manifesto Realidade Galega co obxectivo de conseguir un Estatuto de Galicia. Participou coma independente nas listas do PSOE e foi membro do primeiro Parlamento galego (1981). Redactou xunto a Ramón Piñeiro a Lei de Normalización Lingüística (1983), e foi impulsor do Consello da Cultura Galega. 

Obra e premios

Recoñecida traxectoria. En 1967 publicou a súa primeira obra, Vento ferido. Converteuse en pioneiro da literatura infantil coa A galiña azul (1973). Coa obra As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas gañou o certame de Teatro Infantil da Asociación O facho. Xoguetes para un tempo prohibido reportoulle o Premio Galaxia e o da Crítica da narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios (1975). Foi homenaxeado co premio Critica Galega (1982) con Ilustrísima. Polo traballo Os mortos daquel verán levou o Premio Antón Losada Diéguez, mentres que Deus sentado nun sillón azul foi Premio da Crítica Española (1997) e finalista do Nacional de Narrativa (1998). A publicación no 2002, xa tralo seu pasamento, da obra O sol de verán foi merecedora pola súa banda do premio da Crítica dese ano. E polo seu labor como articulista recibiu os galardóns Fernández Latorre (1983), Julio Camba (1995) e Roberto Blanco Torres.