A peregrinación galeguista a Teixido

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

De esquerda a dereita, Ben-Cho-Shey, Risco e Otero en 1927
De esquerda a dereita, Ben-Cho-Shey, Risco e Otero en 1927 fundacion penzol

Un ensaio e unha película recuperan a viaxe vital e intelectual que fixeron a pé dende Ourense a Santo André en 1927 Otero Pedrayo, Risco e Ben-Cho-Shey

05 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai onte 89 anos, ás seis da mañá do 4 de xullo de 1927, tres homes saíron de Ourense para cubrir a pé o traxecto ata Santo André de Teixido: Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández-Oxea, máis coñecido como Ben-Cho-Shey. Del fora a idea daquela viaxe, ao xeito da peregrinación que xa fixeran o ano anterior a Compostela, para que saían «armados con chapeus, mochilas, caxatas, cadernos, lapis, estilográficas, auga, chocolate e unha cámara Kodak», segundo relatan Santiago Lamas e Alfonso Mato en De camiños, viaxeiros e camiñantes (Galaxia), co que acadaron o premio Ramón Piñeiro de ensaio. Trátase dun traballo que toma como referencia aquela «pelerinaxe», como habería de referenciar Otero o seu relato nun libro de 1929, para explorar as relacións entre a viaxe, nomeadamente a pé, e no que os homes da Xeración Nós percorren camiños canda Josep Plá, Mark Twain, Bruce Chatwin, Paul Bowles ou Sebald. Para todos eles, a viaxe, física e intelectual, foi decisiva nas súas obras.

Tamén para o trío ourensán que se puxo en marcha co abrente. «Os homes de Nós, sobre todo Risco e Otero (e mesmo Cuevillas), fixeron unha viaxe vital que os levou da cultura europea e española da súa época, na que se formaron, á cultura galega, que remataron transformando na cultura galeguista que tanto éxito acadaría co tempo no plano institucional», describe Mato por ambos os dous autores. «Foi unha viaxe de fóra a dentro -continúa- que serviu para dotar ao galeguismo e á cultura galega dun europeísmo que non tivo continuación a causa da instauración da ditadura franquista, agás no labor que desenvolveron en condicións adversas os galeguistas de Galaxia».

No caso concreto de Santo André, «foi unha sorte de viaxe místico-patriótica coa que buscaban unha comuñón coa Terra: mergullarse nas distintas paisaxes que configuraban a nación e mesmo cos seus habitantes», di Mato.

Non é casual, logo que para estes viaxeiros fose un mapa, e non un calquera, senón o de Domingo Fontán, o que se erixise de ferramenta práctica naqueles percorridos á condición de símbolo. «Xa daquela, moitos dos camiños sinalados por Fontán non existían, presentaban variantes no seu percorrido ou foran engulidos polas novas estradas. De feito, os tres camiñantes a Teixido pérdense ao pouco de comezar a viaxe», relata o coautor do ensaio, para quen sería interesante facer hoxe de novo a viaxe co mapa de Fontán na man, así como outro libro, «sobre os camiños galegos e rescatar do esquecemento as curripas (camiños mortos por non camiñados) que seguro aínda quedan en Galicia».

A de Lamas e Mato non é a única achega a aquela viaxe. Hoxe estréase no Festival Cultura Aberta de Lugo (Explanada da capela de Santa María, 21.30 horas) Pelerinaxes, unha película de Simone Saibene que mestura ficción e documentalismo. O cineasta italiano afincado en Ourense e o seu equipo -cos actores Carmen Méndez, Ruth Sabucedo, Xoel Yáñez e Alfonso Míguez- fixeron o mesmo percorrido nun filme que mestura varias das paixóns do director: «O cine on the road, a literatura de viaxe e, por suposto, o amor pola cultura galega». A cinta tamén testemuña o paso do tempo dende entón. «Hai 89 anos eles utilizaron o mapa de Fontán para orientarse; eu, para atopar a ruta, axudeime de Google Maps. Pero hai zonas onde non sempre hai cobertura», lembra Saibene. Esa atmosfera prendeu no filme. «Certos horizontes, non moitos, a verdade, seguen sendo os mesmos que debuxou Risco. Hai unha Galiza rural que existe e persiste, que non desapareceu, e sigue sendo fundamental para coñecer a esencia verdadeira de Galicia tamén no día de hoxe».