O universo de «De catro a catro», traducido ao castelán e a imaxes

x. f.

CULTURA

El Patito edita unha edición bilingüe e ilustrada do libro de Manuel Antonio

09 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Sería fácil dicir que coa recente publicación do seu epistolario e a poesía completa, Manuel Antonio está de moda. Pero, en realidade, nunca deixou de estalo. A súa obra a e súa figura foron un revulsivo no seu tempo, e continuaron a selo a partir do seu falecemento, con 29 anos, en 1930. A proba de que a súa lírica se adapta a esa definición que asegura que un clásico ofrece un diálogo renovado en cada xeración que se achega a el é a nova edición do seu emblemático poemario De catro a catro, que vén de publicar El Patito Editorial.

Trátase dunha versión bilingüe e ilustrada, que traduce ao castelán e en imaxes ese particular universo, moi ancorada no mar, os seus oficios e a súa capacidade simbólica, do seu autor. Unha nova singradura para o poemario, que busca fondear en portos novos e recalar en vellos peiraos coñecidos. O autor da tradución, o xornalista e tamén poeta Luís Rei, entendeu o seu cometido «como unha boa ocasión para volver poñelo de actualidade entre os lectores de poesía das xeracións máis novas. Conviña aproveitar esa ocasión, en beneficio do autor e para axudar á proxección de toda unha literatura».

Luís Rei subliña a ascendencia de Manuel Antonio na poesía galega que veu despois: «El foi quen puxo en hora o reloxo da nosa lírica, desde a máis estrita simultaneidade coas vangardas internacionais, e segue sendo a porta que debe traspasar necesariamente quen queira atreverse con camiños novos».

Esa vocación vangardista do poeta e mariño rianxeiro dalgún xeito facilita as lecturas renovadas dos seus versos, tamén dende unha perspectiva creadora. Pablo Otero foi o encargado de dialogar, no tempo e dende a imaxe, con De catro a catro. Buscou unha materialidade na que consegue retratar o espírito dos poemas: «A primeira idea foi sempre a de crear imaxes a partir de anacos de madeira e materiais semellantes, como restos incomprensibles dunha antiga civilización naufragada que o mar deposita na area da praia como obxectos preciosos». «É unha edición feita dende o pracer, con cariño», describe.

Unha obra redonda

Para a editora, Gemma Sesar, De catro a catro é unha obra redonda. «Cando a rematas quedas como cunha soidade e unha sensación de perda que é difícil de explicar», conclúe.