O historiador foi investido doutor en Braga pola Universidade do Minho
18 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O historiador e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, foi investido onte doutor honoris causa pola Universidade do Minho, na cidade portuguesa de Braga. A institución recoñecía deste xeito o interese cultural e intelectual que Villares lle dedicou a Portugal e á súa historia, materia que ensinou durante un decenio na Universidade de Santiago.
Villares lembrou tamén a súa relación co norte de Portugal, un vínculo que se reforzou durante a súa xeira como reitor da Universidade compostelá, e que lle permitiu estreitar lazos con institucións lusas como o Instituto Internacional Casa de Mateus o a propia Universidade do Minho. En declaracións ao xornal da entidade académica portuguesa, o homenaxeado reivindicou o papel de Galicia como ponte de diálogo entre as culturas ibéricas, nomeadamente a castelá e a portuguesa, e incidiu na oportunidade que se establece entre a comunidade galega e o norte do país veciño para desenvolver estratexias fronteirizas. Villares agradeceu a homenaxe, que cualificou de incentivo para seguir achegándose á cultura portuguesa.