O catedrático que alertou do erro na proba de Historia da ABAU: «É inconcibible cambiar os criterios o mesmo día da selectividade»

T. Silva CAMBRE / LA VOZ

CAMBRE

José Antonio Martínez, é profesor de Historia do instituto da Barcala
José Antonio Martínez, é profesor de Historia do instituto da Barcala MIGUEL MIRAMONTES

José Antonio Martínez, catedrático do IES Alfonso X O Sabio de Cambre, decatouse de que había unha mestura de temas no apartado da Transición.

09 jun 2023 . Actualizado a las 13:07 h.

Foi quen alzou a voz cando viu o exame de Historia da selectividade. Este mestre o IES Alfonso X O Sabio de Cambre decatouse de que había unha mestura de temas no apartado da Transición.

-Cando se decatou do erro?

-Cada centro envía a un profesor responsable para acompañar ao alumnado e vainos enviando os exames a medida que ten acceso a eles. Olleino a última hora da mañá, pero logo na casa, véndoo con calma, xa me chamou a atención e o comecei a comentar con outros compañeiros. Aínda que o alumnado sería quen de resolver esa cuestión, parecíame inxusto ter uns requisitos desde o principio de curso sobre como facer unha proba de Historia e logo modificalos no mesmo día do exame.

-E púxose en contacto coa responsable do grupo de traballo de Historia.

-Si, argumentei que nunca sucedera un cambio de criterio en pleno exame. Cada un dos22 temas tiña uns contidos e nunca acontecera que se mesturaran nunha mesma proba. Unha nai contoume que a súa filla pasara moito tempo pensando que proba facía, entón fixo o outro e ese tempo perdido non se pode computar. Que os documentos non se presenten de forma cronolóxica é un problema menor. O fundamental era que na Transición se mesturaban temas distintos. O alumnado recibiu unha información confusa.

-Tivo ocasión de falar cos alumnos do centro?

-Si, desde un grupo que me deu as gracias por defendelo, a outro alumno que comezou a facer un tema e logo cambiou, tempo perdido. Incluso na outra opción, a da Segunda República, tamén tiña algún defecto leve pero xa non me puxen.

-É a primeira vez que ve un erro así?

-É a primeira vez e levo máis de 20 anos con exames de Historia. Outras veces houbo problemas de impresión, que se saía moi escura unha imaxe, ou unha caricatura tan pequena que non se podía ler o texto. Pero de non cumprir os propios requisitos da CIUG si foi a primeira vez, paréceme inconcibible cambiar os criterios o mesmo día da selectividade. A lo menos recoñeceron que era un erro. Entendo que os correctores recibirán indicacións verbais, que teñan en conta as circunstancias desta proba.