Miguel Anxo Fernández: «Polas veas de Frank Soutelo flúe a retranca galega»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

O investigador norteamericano creado polo escritor e crítico de cine chega á súa sexta novela

20 jul 2016 . Actualizado a las 14:10 h.

Frank Soutelo, o investigador norteamericano con raíces galegas creado polo escritor, historiador e crítico cinematográfico de La Voz Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) chega con Un dente sen cadáver (Galaxia) á súa sexta novela, mentres que a primeira, Un nicho para Marilyn, sairá en inglés da man de Small Stations Press.

-¿Contaba cando empezou con facer unha serie tan lonxeva?

-Inicialmente non. Naquel 2002 viña de sacar O sabre do francés cando Un nicho para Marilyn recibiu o García Barros, que, xunto coa boa acollida dos lectores, axudou na continuidade, pois xa tiña moi desenvoltos as bases do que, ao cabo, serían Luar no inferno e Tres disparos e dous friames. Escribo por pracer e porque me divirte, non son profesional disto e só aspiro a divertir tamén ao espectador desde a literatura de xénero.

-Nesta novela conflúen na trama dende a especulación urbanística á explotación de mulleres...

-A actualidade soe marcar as tramas na procura da complicidade dos lectores, aínda que tamén evito a retórica. Intento ofrecer lecturas parellas de temas que ao tempo asoman o lado escuro da condición humana. Por desgraza a especulación mantense viva, como a violencia contra as mulleres e a súa explotación.

-A novela negra pode ser pura, paródica, para recrear un personaxe ou esculcar nos males da sociedade. ¿Cal destes factores ou outros pesan máis na serie?

-Teño moi claro que fuxo de poñer a Frank Soutelo nun púlpito para arengar ao lector con simplezas. Quédome co que teña de puro un fulano que arremete contra o peor da sociedade pero á súa maneira, mesmo saltándose as normas e ás veces entre certa confusión moral. Pero tampouco renuncio ao humor. Polas veas de Soutelo flúe retranca galega e procuro rodealo de tipos que dean un certo xogo divertido, caso do funerario de Los Ángeles, Sugar Jones, e o propio Poncio, taberneiro en Muros.

-Tres casos en Estados Unidos e outros tres en Galicia. ¿Soutelo é o que agora se denomina un emigrante transnacional?

-O seu pai foi garda de asalto na República e houbo de fuxir para rematar en Nova York, pero era amigo do gaiteiro de Soutelo, Avelino Cachafeiro; era un tipo comprometido coa cultura propia. Iso pasoullo a Frank, non así á súa irmá? Os seus casos norteamericanos teñen un ton máis de xénero, máis apegado ao cine: alí vai de tipo solitario co único apoio da súa secretaria, Pat Pérez, neta dun fragueiro lugués forrado en Oklahoma. Pero aquí atópase con amigos cos que intima, ten familia que o acolle, e iso cambia a súa perspectiva. Gusta de Galicia e viaxa moito por ela, aínda que por veces cústalle entendela. Temos menos habitantes que Los Ángeles; non chegamos ao 10 % da extensión de California. Outro tanto coa paisaxe, coa xente, e mesmo coa criminalidade. Hai un toque diferencial a salientar.

-¿Verémolo algún día na pantalla? 

-Será pola confianza ou pola miña vinculación ao audiovisual desde a docencia e a crítica, pero máis alá dos dereitos de Lume de cobiza, en mans de Ángel de la Cruz, ninguén se amosou interesado. E iso que as novelas teñen estrutura de guións e os capítulos, vida de secuencias.

-¿E quedan máis casos?

-Se escribo por pracer e pretendo que Soutelo me acompañe ata que a saúde me respecte, mentiría dicindo o contrario. Hai catro tratamentos xa moi desenvoltos e algunhas ideas. E que a actualidade dá para moito.