Letras galegas que reverdecen en Ponteceso

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Representantes das ANPA e das direccións dos centros, cos libros.
Representantes das ANPA e das direccións dos centros, cos libros.

A Fundación Pondal repartiu máis de 320 exemplares de «Espantallo amigo» entre os escolares de primaria e Os Quinquilláns representaron un adianto da súa adaptación teatral

09 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A comezos do mes de xuño, o arrecendo do fiúncho xa nos adianta o San Xoán. Do mesmo xeito, no Couto, e en todo Ponteceso, tampouco fai falta esperar a que chegue o 17 de maio para palpar as Festiletras e a aposta pola lingua e a cultura galega nas súas máis distintas expresións, porque é algo que se fai durante todo o ano. As celebracións deste 2015 serán especiais, dado que coinciden con 50.ª aniversario do Día das Letras Galegas dedicado a Eduardo Pondal. Onte, diante da fermosa casa do bardo, nun día de sol e ceo azul, puido comprobarse ben esta aposta pola terra, polo país e polos rapaces, que son o futuro de ambas cousas.

Representantes das ANPA e das direccións dos colexios do municipio, así como do CRA, acudiron á chamada da Fundación Eduardo Pondal. Fíxoselles entrega de máis de 320 exemplares (sen contar os do profesorado) da obra Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas. Algo que, como recalcou Xosé María Varela, un dos patronos da fundación, foi posible grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Alí, a carón do Anllóns e do seu camiñar maxestoso cara o destino derradeiro, como o describira Pondal, estaban, entre outros, Rosa Barreiro, directora do CRA; Aurelio Pombo, director do colexio As Forcadas; José Venancio Ures, director do Eduardo Pondal; Óscar Rey, tenente de alcalde e Jaime Valdés, sobriño-neto do bardo, a quen se lle agradeceu a colaboración pola cesión do espazo para o acto.

A entrega de libros -todos firmados, un a un, polo propio Neira Vilas- veu acompañada de teatro. Teatro dentro de teatro. A compañía Os Quinquilláns -como intérpretes, Lucho Penabade e Tero Rodríguez- ofreceu aos presentes un «pinchiño» da súa adaptación teatral deste libro editado por Galaxia e ilustrado por Xaquín Marín. Espantallo amigo, como onte se viu neste pequeno adianto das dúas representacións do vindeiro dez de maio, é unha metáfora da amizade, unha historia de xenerosidade. O Tío Ramón de Reborneda ten a maior figueira da aldea, pero vanlle os merlos a comer nela e por iso constrúe un espantallo: «Para coidar de cada figo naceu o espantallo amigo». Sobre esta historia técense outras, personaxes que Neira Vilas ideou no seu maxín nesta obra que é referente e aos que Os Quinquilláns lle veñen dando vida. O deseño é de Xosé Vizoso; o vestiario, de Olga Vieites; a música, de Xosé Luís do Pico. Dende agora ata o 10 de maio, inicio das Festiletras, os pequenos e os seus pais (por iso tamén se convidaron representantes de ANPA) terán a oportunidade de gozar e comprender a obra, xuntos, para logo asistir á representación total. Penabade e Rodríguez confesaron sentir emoción por estar nun espazo tan «incomparable» como a casa de Pondal. Letras galegas e teatro galego reverdecidos, novamente, dende a Aldea do Couto. Dende a pequena Ponteceso.

Gentes del Finis Terrae