Os do Cabo da Vila contra os do Cabo da Xesta

Gabriel Riveiro

FISTERRA

28 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Ovindeiro 8 de xullo, co motivo da celebración do entroido de verán de Fisterra, terá lugar a primeira Competisión da Riberia, na que dous equipos de veciños, Cabo da Vila e Cabo da Xesta, competirán nunha serie de simpáticas probas: carreira de chalanas, circuítos de obstáculos na area, etcétera. O equipo vencedor será proclamado, ese mesmo día, campión do primeiro Entroido de Verán na Praza da Constitución.

Todas as persoas nadas en Fisterra antes dos anos 60 lembran os nomes dos dous barrios nos que se dividía durante a primeira metade do século XX: O Cabo da Vila e o Cabo da Xesta. Hoxe en día perdura unha xeración que lembra con nostalxia as pelexas entre aqueles nenos de cada barrio que tiñan lugar na zona da Frontera.

Agustín Olveira Ruíz, Tinsito (1935), explicoume hai uns días como, sendo neno, saía da escola do Castillo, baixaba pola Ribeira e percorría toda a beira do mar (daquela non existía o peirao) ata chegar á Frontera. «Alí -comentaba divertido- andabamos a pedradas e a cachoupasos de aljaso; era o pasatempo que había. Tiñamos unha canción que dicía: ‘Somos do Cabo da Xesta/pequeniños como ratos/o que se meta connosco/levará catro chupasos’».

O meu avó Planchete, nado no 19 e xa falecido, adoitaba lembrar unha estrofa que usaban os do Cabo da Xesta nos anos 20: «Somos do Cabo da Xesta/Vos do Cabo da Vila/As naranxas comémolas nós/As peles son para vós». Pola Frontera discurría un regato que dividía, case de maneira simétrica, a Fisterra daquela época. Manuel Insua Arnesto (1942), actual propietario do bar A Frontera, lembra como o local, situado en plena zona quente do conflicto, era unha tenda rexentada polos seus avós durante o período 1917-27. Nela vendían piñas, millo e garbanzos, entre outras cousas.

Leoncio Olveira (1946) e Ramón Rivas, Coné (1941) tamén foron testemuñas presenciais desa antiga rivalidade. Leoncio e os amigos do barrio tiña unha cabaña nun montículo da Frontera, punto estratéxico de vital importancia, pois ofrecía unha posición privilexiada para lanzar as cachoupas de aljaso cara abaixo. E Coné asegura que ten unha cicatriz na cabeza debido a un «croiaso» nunha das disputas. As batallas máis serias eran polo roubo de chícharos e amoras nun barrio ou noutro, contan.

Dende a A.C.D Rapacollón’s Big Band pretendemos recuperar, de maneira simbólica esta antiga rivalidade e volver a dividir o pobo en dous bandos por un día. Polo que na tarde do vindeiro 8 de xullo, os do Cabo da Vila e os do Cabo da Xesta sairán dos seus barrios, cruzaran as súas miradas na zona da Frontera e emprazaranse na praia da Ribeira para volver enfrontarse despois de máis de cincuenta anos de tregua. Predominará o ambiente festivo, pero quen sabe, ca mesma volven voar cachoupasos de aljaso.