«Vou competir na Copa Suzuki e nalgunhas probas cun Mitsubishi»

DUMBRÍA

O deportista asume una tempada de transición ante a falta de orzamento

16 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos pilotos sobranceiros na Costa da Morte é Víctor Senra Carreira (Olveira-Dumbría, 1984), que este ano 2015 dá un cambio radical na competición automobilística. Debido á falta de presuposto, optou por competir na Copa Suzuki a nivel nacional e, a maiores, estes últimos días, pechou un acordo con Roberto Méndez, de León (RMC Motor Sport), para facer tres carreiras cun Mitsubishi ao longo da campaña, pero en modalidades diferentes.

-¿Decidiu estar na Copa Suzuki?

-Si, vou competir na Copa Suzuki e nalgunhas probas cun Mitsubishi. Está claro que o que non quería é estar parado e por iso tomei a decisión de estar nesa copa de promoción.

-¿Cambia moito por non dispoñer dun presuposto?

-A verdade é que si. Competir cun Suzuki Swift suporá uns 50.000 euros, cos que disputarei as sete probas que compoñen o calendario. Se non, tería que dispor dun presuposto que andaría polos 120.000 euros.

-Pero a última hora tamén estará cun Mitsubishi.

-Foi unha sorte. Houbo unas conversas con Roberto Méndez e propúxome competir en tres carreiras cun Mitsubishi R4 no mes de agosto no rali da Coruña en asfalto a nivel galego, e en maio, o Rías Baixas a nivel nacional. Pero tamén farei unha proba do campionato de España de terra, que será en Curtis en abril, aínda que será cun Mitsubishi EVO 10. Dende logo para min é una alegría poder facelas.

-¿E como vai afrontar a Copa Suzuki?

-Está claro que non é o mesmo os coches que pilotei os últimos anos que o Swift que lle comprei a Xoel Guerra. É unha Copa que ten moi bos premios, pero non debemos esquecer que o nivel é moi alto. Non vai ser fácil, pero antes de estar parado asumín ese reto persoal.

-¿Que rivais terá?

-O lucense Adrián Díaz, que o actual campión, partirá como o máis forte. Pero tampouco podemos esquecer a Fernando Rico ou a Pablo Pazó, entre outros moitos adversarios que terei ao longo do ano.

-¿Conta con axuda?

-Dende logo que si, o patrocinio de Caus, Ausavil, Senra Sport 2 e Ya-car son primordiais. Está claro que sen eles sería moi complicado facer esta competición.

-¿Que é o que máis lle preocupa?

-A adaptación ao novo coche. Nesta competición todos os vehículos son iguais, teñen pouco cabalaxe e non teñen antiblocante. Teñen moitos trucos que irei aprendendo, por iso o máis importante é adaptarme.

-¿Cando comezará a tempada?

-A primeira proba está prevista para os días 9 e 10 de maio en Sierra Morena no rali de Córdoba. Despois están Ourense, 13 e 14 de xuño; Vidreiro-Centro, en Portugal, 26 e 27 de xuño; Ferrol, 22 e 23 de agosto; Oviedo, 12 e 13 de setembro; Llanes, 26 e 27 de setembro e para rematar, Santander, 10 e 11 de outubro.