«Imos recuperar o alcalde de barrio, é fundamental»

M. Rial, J. V. Lado CARBALLO / LA VOZ

CEE

JORGE PARRI

O candidato de Ciudadanos en Cee ofrece «un partido totalmente novo» e asegura que non pactará cos que teñan imputados

25 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Plácido García Insua (Cee, 1945), navieiro xubilado e membro do goberno local con Ramón Vigo, do que se afastou a raíz da polémica da fábrica de tubos, encabeza agora a única candidatura de Ciudadanos na Costa da Morte.

-¿Como conseguiron a candidatura?

-Foi unha auténtica loita, pero eu tiña moitísimo interese, xuntei xente e chamei un montón de veces a Barcelona e tamén á dirección galega ata que o 13 de marzo, día da inauguración da Casa da Cultura, nos deron o visto bo. Para nós é un logro porque somos un dos primeiros pobos de España que ten unha candidatura de Ciudadanos.

-¿Con qué perspectivas parten?

-Se se cumpre o ambiente que hai na rúa as perspectivas son marabillosas, porque é un partido que non ten inimigos e que cae ben. Ademais fai propostas totalmente razoables, que é o mesmo que imos aplicar en Cee: austeridade, honestidade e transparencia. Penso que a Cee tócalle vivir unha nova época. A vella política está desaparecendo e é normal porque abres o xornal e as tres primeira follas son todos os días casos de corrupción. A sociedade non o pode permitir. É unha vergoña.

-¿Que diferenzas marca co partido de Ramón Vigo, do que formaba parte?

-Non me gusta falar dos outros partidos. Nós as decisións que tomamos facémolo todos os candidatos xuntos. Tanto valgo eu como o que vai de último.

-¿Como valora o goberno do PP?

-Penso que puido ter feito máis cousas. Tivo tamén algún acerto pero debeu aproveitar mellor o tempo. En calquera caso non son eu o que ten que valorar a Zaira e ao seu equipo. É o pobo quen pode facelo e se nos vota a nós, pois mira que ben.

-¿Que lle parece o das sete candidaturas?

-Mal. Sete candidaturas son moitas, pero demostra que as cousas ás veces van en contra do que opinamos, porque se di que a xente está desencantada coa política, parece que en Cee hai certas inquedanzas.

-¿Pactaría con outro grupo?

-Non sabemos se fará falta pero estamos abertos. Con que non podemos pactar e cos grupos que teñan xente imputada.

-¿Cales son os seus obxectivos?

-A vía que una o polígono co porto de Brens, e recuperar o casco vello comercialmente. Para iso imos trasladar alí algúns dos servizos municipais, porque o C3M parece que antes ou despois será do Concello de Cee e no actual Axuntamento faremos a residencia porque os vellos de Cee temos a desgraza de acabar en residencias de fóra. Nas parroquias imos recuperar ao alcalde de barrio. É fundamental e tamén que algún de nós nos acheguemos a elas.

¿A favor ou en contra?

Sanidade para inmigrantes: A favor

IVE cultural no 21 %: Hai que baixalo

Cadea perpetua revisable: Non me fai graza

Xustiza gratuíta: Fai falta

Fusión con outro concello: A favor

Mancomunidade de servizos: A favor

Aborto: A favor

Legalización das drogas: Evitaría os trapicheos

Imputados nas listas: É delicado. Non debera habelos

Legalización da prostitución: En caso de habela, regulada

Preferencias

¿A que hora se ergue? Ás seis e cuarto estou camiñando

¿Que almorza? Café con leite, zume e torrada

Prato preferido: Moitos: peixe, carne,...

Bebida preferida: Bebo auga

Non comería... Xa comín can na China así que... 

Equipo de fútbol: Son socio do Cee de sempre

¿Que coche ten? Un Audi Quatrro con 12 anos

Unha afección: Camiñar moito e a horta

Un lugar: Cee

Unha rede social: Estou no Facebook

Artes e letras

Escritor favorito: Reverte

O último libro que liu: Foi un de Pérez Reverte

A última película que viu: Mar Adentro

Un artista: ...

Un actor: Javier Bardem

Unha actriz: A súa muller, Penélope Cruz

Un cantante: Supertramp, Julio Iglesias

Tipo de música: Instrumental,... De todo

Programa de TV: O debate de Vía V, entre outros

Unha viaxe pendente: Gustaríame volver a Holanda