Posta de longo en Cerceda de «Os televisores estrábicos»

I. A.

CERCEDA

ANA GARCÍA

22 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O cercedense Ramón Vilar (A Tablilla, Rodís, 1973) presentou onte no seu municipio natal Os televisores estrábicos, a súa primeira obra publicada. Fíxoo diante dun cento de persoas, sentadas e de pé, ante as que se declarou emocionado. Ramón non estivo só. Acompañárono moitos veciños, ademais da concelleira María Viqueira, quen destacou o compromiso do Concello coa cultura, coa cultura galega, coa cultura de Cerceda e incluso coa cultura da Tablilla. Tamén estaba presente Alberte, de Distrito Xermar, responsable da edición da portada e do booktrailer do libro -con música de Ataque Escampe e proxectado onte-; e Manuel Bragado, por parte da editorial Xerais.

Este último destacou o feito de ser a primeira presentación de Xerais en Cerceda, así como tamén a oportunidade de ler a un veciño: «Non é só cuestión de afecto, senón de curiosidade, de interesarse na lectura dun libro que crea un novo espazo literario e que el bautizou como Grandil».

Bragado revelou que a crise, condutora dos 14 relatos (13 deles breves), non é máis que un eufemismo das incertezas do tempo actual, así como o orgullo dos editores por ter editado esta obra. Finalmente, Vilar recordou algunha anécdota xornalística, e alertou -por se acaso- de que os relatos son ficción, aínda que os lectores son libres para interpretalos. Espera deles que non fiquen indiferentes aos textos. A súa nai non o fixo.