Airiños recorre ao exilio para seguir facendo historia

RIANXO

A mítica compañía de Asados prepara a estrea dunha montaxe que cabalga entre a dramaturxia e a comedia

09 oct 2015 . Actualizado a las 19:47 h.

Óscar e Luna, dous exiliados con vidas relativamente paralelas que se cruzan, intercambiando lembranzas do pasado, evocando a guerra que os levou a abandonar as súas patrias e enxalzando o país ficticio do encontro, denominado Nosa Señora das Nubes, son os protagonistas da nova montaxe que prepara a mítica compañía Airiños. Pola crueza do tema podería pensarse que este texto, obra do arxentino Arístides Vargas, é un drama en toda regra pero, aínda que ten parte de traxedia e de poesía, é no fondo unha comedia con escenas que prometen espertar as gargalladas do respectable.

O destino quixo ademais que o tema do exilio cobrara actualidade cando os vinte actores de Airiños que participan na montaxe estaban mergullados no seu novo reto, inmersión que nun primeiro momento non resultou doada. «Tivemos que someternos todos a un proceso de aprendizaxe por ese pouso poético que ten a obra e ao principio incluso houbo dúbidas, pois é unha peza que se afasta do teatro popular polo que viña apostando a compañía, pero penso que o resultado é bo e vai gustar», sinalaba a directora da agrupación, Esther Carrodeguas.

Texto con mensaxe

Pola coexistencia de distintos rexistros interpretativos, algúns radicalmente opostos, e por ese toque dramático, Nosa Señora das Nubes, como tamén se titula a montaxe, marca a diferenza con respecto ás obras anteriores de Airiños. É incluso un texto que fomenta o pensamento, o debate: «Hai unha parte de relato, que é facilmente comprensible, pero hai un transfondo que obriga a pensar», comentou a directora.

Aos rianxeiros quédalles pouco para ver de novo en acción á histórica compañía, que presentará o espectáculo no auditorio o 15 de novembro, para repetilo despois o 22. Carrodeguas e os seus actores queren despois regresar ás orixes, representando tamén a nova montaxe nas Escolas Vellas de Asados.