Diego Calvo: «Rematar o saneamento da ría de Noia esta lexistura é o obxectivo»

A. Parada

NOIA

MARCOS CREO

O representante dos populares na Coruña expuxo o traballo feito dende a Xunta e como incidiu na comarca

19 sep 2016 . Actualizado a las 20:54 h.

Mentres os seus amigos e compañeiros de partido ultimaban os derradeiros preparativos do gran mitin dos populares na capital barbanzana, Diego Calvo ?cabeza de lista dos populares pola provincia de A Coruña ás eleccións autonómicas deste mes? non perdía un minuto para descansar. Preferiu destinar o tempo en explicar o programa do PP para a nosa comarca, no estudio de RadioVoz Barbanza.

Vostede encabeza unha lista na que hai presenza de políticos da nosa comarca, ¿como valora a implicación destas persoas?

Estamos moi orgullosos de contar coa experiencia dun alcalde como foi Carlos López Crespo, que encadeou moitísimas victorias e de contar con Herminia Pouso, que xa ten a experiencia de catro anos anteriores. A maiores incorpórase Ana, unha concelleira de Noia e o noso representante en A Pobra, Manuel Durán.

¿Cales son as propostas en materia pesqueira do PP?

O primeiro que me gustaría dicir, tanto neste tema como nos seguintes, é que nós sempre estamos falando de propostas moi realizables. Todas elas están cuantificadas para poder levalas a cabo e queremos dicir cando. Neste sector imos seguir apoiando todo o que sexa mellorar a situación. Dígoo porque houbo problemas co cerco ou co sector da acuicultura. Queremos incrementar as cotas, pero en todas as especies. No ano 2013 incrementamos as do cerco nun 50%, respecto deste ano. Ademais o valor de todo o recollido foi o máis alto dos últimos anos. Imos seguir traballando xunto co Ministerio para manter todas as pesqueirías e incrementar as toneladas de capturas.

¿Cales serán as directrices de cara ao sector conserveiro?

Somos líderes en Barbanza, pero tamén a nivel nacional. A maior parte da súa produción ten como destino o mercado nacional e internacional. Todo o que sexa apoiar esa expansión e a investigación de novos produtos diferenciados e con valor engadido ese é o traballo que se ven facendo dende o Igape e a Consellería de Industria.

Falemos do sector lácteo, ¿barallan algunha nova proposta?

Fai preto dunha semana tivemos moi boas noticias, anunciouse un gran proxecto lácteo dun grupo que vai inverter 70 millóns para instalarse en Curtis, Teixeiro, que vai absorver o 17% da produción láctea da nosa comunidade. Pero o realmente importante é que se vai destinar á transformación de produtos de calidade e non para facer leite en po.

¿Completarase o saneamento da ría noiesa nesta lexislatura se revalidan a Xunta?

Acabamos de inverter hai pouco 4,2 millóns de euros nunha importante fase. Non só pola cuestión medioambiental, que xa sería causa suficiente, senón porque axudamos a rexenerar os bancos marisqueiros e iso acaba por converterse en máis postos de traballo. Rematar o saneamento da ría de Noia esta lexislatura é o obxectivo.

En materia de pactos, ¿cre que o Partido Popular estaría disposto a integrar a Ciudadanos nun goberno de coalición?

O PP está disposto a traballar pola maioría estable. Se hai algún partido que pide o voto para apoiar despois ao PP, como vimos no debate televisivo, o que lle pido á xente é que voten ao orixinal. Nós o que queremos é chegar a un consenso con todos.