Vinte traballos da zona cólanse na final do Olloboi

BOIRO

Os institutos A Cachada, Porto do Son e Número Un, así coma o colexio de Dodro, optan a facerse con premios no festival

27 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O proceso que hai xa varios meses puxeron en marcha un grupo de barbanceses vinculados ao eido da cultura para darlle forma a unha nova edición, a sexta, do festival Olloboi entra xa na súa recta final. Xa se coñecen, de feito, os finalistas de oito das dez categorías que figuran nas bases do certame, pois os outros dous galardóns dependerán dos votos emitidos polo público a través de Internet e da propia organización do concurso. Á espera do que ocorra en estas dúas seccións, vinte traballos da zona conseguiron xa colarse na gran final.

Inclúese neste paquete ao colexio Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, pois é un dos impulsores deste festival. Deste centro educativo do territorio veciño entraron no bombo final do Olloboi nada menos que once vídeos. Completan a lista os institutos A Cachada (Boiro), Porto do Son e Número Un (Ribeira).

Desde a organización do certame fixeron tamén fincapé no elevado número de votos que se teñen emitido ata o de agora para elixir o gañador do premio outorgado polo público. Xa se superou a barreira dos cinco mil, un dato considerado histórico xunto co de participación nesta edición do festival, pois son 150 traballos chegados de diferentes centros educativos de Galicia os que concorren.

Inscricións abertas

Neste intres está aberto o prazo de inscrición para participar tanto no encontro co que arrancará este sábado o festival. Trátase dunha xuntanza que terá lugar ás 13.00 horas nas instalacións do Club Náutico de Cabo de Cruz, onde se servirá unha comida á que está previsto que se sumen coñecidos profesionais do mundo do cine e da televisión. Tamén teñen que anotarse as persoas que desexen asistir, nos Estaleiros Triñanes, á proxección dos traballos Unary e Encallados, fixada para as 17.00 horas. Está confirmada a presenza do director do primeiro título, o noiés Luís Avilés. Tamén estaba previsto que acudira Alfonso Zaraúza, director do segundo, pero finalmente non poderá desprazase ata Boiro. Será substituído polo guionista da produción, Andrés Mahía.

O visionado das dúas cintas completarase cun coloquio que será a antesala perfecta para a gran gala de entrega dos galardóns, que obrigará á comitiva a desprazarse ata a casa de cultura da Cachada. Alí, Federico Pérez e Touriñán conducirán unha gala na que se desvelará a identidade dos autores dos dez vídeos galardoados.